|
| Março 31, 2005 |
| Home taping is killing music |

Tanta carallada co da pirateria e a morte da música. Que a xente copia CDs e baixa os temas da rede? e que? iso vai matar a música? Que non nos traten de parvos. A industria discográfica fai o mesmo siloxismo de sempre: cen persoas que copian o disco, cen copias menos que vendemos. Vaia marulos, confundindo o dano emerxente co lucro cesante. Unha cousa é o que deixas de vender realmente e outra o que poderías ter vendido. Unha persoa que gasta uns céntimos nun CD para copiar un orixinal non é un comprador potencial do orixinal que vale vinte euros. Que se esquezan diso. O máis curioso do tema é que xusto os "artistas" que mais protestan son os que nun tempo vendían e agora xa non venden: Presuntos Implicados, Ana Belén, María Jiménez, Ramoncín, Miguel Ríos, Teo Caralda, Luis Cobos... Vaia tropa. Culpan ao CD e ao top manta do seu declive como "artistas" pero os novos "artistas" coma Alejandro Sanz, La Oreja de Van Gogh, Estopa, Bisbal, Andy y Lucas, Amaral ou Alex Ubago superan o millón de copias vendidas con facilidade. A eles en nada lles afecta a piratería, nen a do top manta nen a do P2P. Que curioso.
O forte é que isto xa ven de atrás. Que non nos vendan a moto de que a suposta crise comezou con Internet e as copiadoras de CDs. E que antes non gravabamos compulsivamente a casete todo o que pasaba polas nosas mans? Un mercaba o orixinal e logo o pasaba entre os amigos para que o gravasen. Sempre foi así. E a música non morreu. Por que o ía facer agora? A proba está no disco da foto, o The Man who sold the world de David Bowie. Este disco é de 1970 e como se ve na ampliación que fixen, xa daquela a industria lle tentaba vender aos nosos pais a idea da morte da música como consecuencia da copia privada: Home Taping is Killing Music. Todo un insulto á nosa intelixencia que trinta e cinco anos despois sigan coa mesma cantiga. Sobre todo cando o tempo ten demostrado que nada pode matar a música. E moito menos esa suposta "nova" ameaza que é a copia privada, sexa no formato que sexa, casete, CD ou mp3. |
posted by Regueifeiro @ 9:14 AM  |
|
|
|
| Março 30, 2005 |
| Non cos meus impostos (II) |

Leo con indignación esta nova sobre a recollida de sinaturas por parte destes energúmenos para promover unha iniciativa lexislativa contraria ao matrimonio homosexual e á adopción fóra do matrimonio. Ao parecer estes trogloditas non foron quen de xuntar as 500.000 sinaturas que se precisan, e iso que segundo eles a súa é a postura maioritaria na sociedade. Xa se veu. O que é incomprensíbel -tendo en conta o balanzo de forzas políticas actuais- é que agora á Mesa del Congreso lles dea a estes retrógados unha prórroga e 180.000 euros (!!!) de subvención para que sigan recollendo sinaturas tres meses máis. Agora resulta que os impostos que pago son para financiar ao nacional-catolicismo mais intransixente. Manda carallo. |
posted by Regueifeiro @ 12:56 PM  |
|
|
|
|
| E que ben o paso |
 
Parecido máis que razoábel ;-) |
posted by Regueifeiro @ 10:56 AM  |
|
|
|
| Março 29, 2005 |
| Que ben o pasan |

Pero Vicente, que diría Monseñor se che vise descojonarte así en plena comisión do 11-M? Vaia falta de espirito cristián. Aos da Obra os tiña por xente seria. Como non te comportes os teus felices días de supernumerario están contados. Por moita coña que che faga a viñeta de Forges de El País. |
posted by Regueifeiro @ 11:23 AM  |
|
|
|
| Março 28, 2005 |
| Happy Monday(s) |

Unha película: Houbo un tempo en que Ozu, Kurosawa, Mizoguchi, Naruse, Teshigahara e Oshima abraiaban a occidente. Xa choveu. Pero na última década unha nova xeración de autores tomaron o relevo tornando, mais unha vez, ao cinema asiático na locomotora do anquilosado cinema moderno. Agora xa estamos afeitos a que unha parte importante das mellores películas de cada ano sexan de procedencia coreana, chinesa ou xaponesa (Old Boy, Zatoichi, [2046] ou Memories of Murder por poñer alguns exemplos recentes). Estréase agora o novo traballo doutro enfant terrible do novo cinema asiático, o coreano Kim Ki-duk, baixo o título de Bin-jip (Ferro 3) -ao que corresponde o fotograma-. Neste caso cometo a imprudencia de recomendar algo que aínda non tiven a ocasión de ver pero tendo en conta a calidade da súa producción anterior -con obras mestras coma a agobiante A illa ou a espiritual Primavera, Verán, Outono, Inverno...e Primavera- creo que non pode haber fallo.
Un disco: Islandia, esa pequena illa con poucos máis habitantes que Vigo ou Coruña, é unha potencia mundial en canto a músicas avanzadas se refire. Non tanto en cantidade pero sí en calidade: Björk, MÚM, Sigur Ros, Gus Gus... No ano 1999 sumouse ao selecto clube a fermosa voz de Emiliana Torrini co seu indispensábel Love in the Time of Science. Agora volta cun novo LP, Fisherman's Woman, no que agudiza a liña folqui e intimista iniciada no seu primeiro traballo. Imaxina a unha Björk en plan Nick Drake, sen tanta tontería no corpo e sen estridencias no xeito de cantar e mais ou menos te farás unha idea de como soa esta rapaza tan xeitosa.
Un libro: Esa áceda e divertida crítica á sociedade americana dos 60 -tristemente vixente- que é A conxura dos necios. Até resulta comprensíbel que o seu autor, John Kennedy Toole, se suicidara con apenas 32 anos ao non achar a ninguén que a quixera publicar. Se non fose pola insistencia da sua nai, que conseguiu que a editasen postumamente, teríamonos perdido a un dos personaxes mais noxentos e ao mesmo tempo entrañábeis da historia da literatura, o infame Ignatius Reilly. Alguén que, unha vez lida a novela, non esquencerás na vida e até terás a sensación de ter coñecido en persoa, simpatices ou non coa sua peculiar visión do mundo.
|
posted by Regueifeiro @ 7:27 PM  |
|
|
|
|
| Luqui in the Sky with Diamonds |

Unha mágoa. Sempre nos deixan os máis auténticos. Un recordo dende A Regueifa para o friqui máis beatlemaníaco. |
posted by Regueifeiro @ 11:36 AM  |
|
|
|
| Março 27, 2005 |
| O capitalismo mata |

Leo na Red Voltaire un interesante artigo do xornalista norteamericano Michael Ventura no que desmonta o american dream e o american way of life a base de cifras. Que os USA estexan situados no posto número 49 no mundo en alfabetización, que o 20% pense que o Sol xira ao redor da Terra, que no índice de pobreza infantil ocupen o posto número 22 -xusto antes de México- ou que a principal causa de morte das mulleres embarazadas sexa o asasinato son dados que certifican a decadencia do Imperio e a perversidade do seu sistema económico. |
posted by Regueifeiro @ 8:50 PM  |
|
|
|
| Março 25, 2005 |
| La Costa Brava |
 Adoro a las pijas de mi ciudad, su aroma es tan distinto Que uno se esfuerza en averiguar el secreto de sus besos Su estilo de vida tan convencional me produce tanta envidia Incluso el más cínico puede apreciar la belleza de lo más simple Van rompiendo los corazones, en sus coches de tres millones Te lo cambio por amor, te lo cambio Te lo cambio por amor, el dinero Cuantas veces disfruto al verlas bailar esos ritmos latinos O las sevillanas con esfuerzo aprendidas para no ser menos. No es solo la ropa que pueden comprar, brillan por si mismas Cuando el buen tiempo las viste de estreno, cortan el aliento No conozco a quien se resista, a su sonrisa de dentista No último disco de La Costa Brava atópase esa xoia que é Adoro a las pijas de mi ciudad. Boa canción e mellor letra. Non me puiden resistir a poñela. O dificil foi achar unha foto para ilustrar o post. Pero ahí as temos, en todo o seu esplendor, bailando "esos ritmos latinos". O videoclip da canción, co que tamén te botas unhas risas, pódese ver aquí. |
posted by Regueifeiro @ 8:43 AM  |
|
|
|
|
| Nazareno pasteleiro |

Xa se ve que orixinalmente a animación é cuns fulanos do KKK, pero xa que os nazarenos, que comparten modista, invaden as nosas rúas estes días, pois ten a sua graza. Que non se me ofenda ninguén, eh? |
posted by Regueifeiro @ 12:27 AM  |
|
|
|
| Março 22, 2005 |
| Marcho de procesión |

Ia escreber un post interesantísimo pero vai ter que quedar para outro día porque xusto quedei con estas amigas para ir á procesión das sete e xa se me fai tarde. O que sí a ver se desta vez me dan unha corneta que o ano pasado rematei até o carallo de darlle ao bombo. Isto da Semana Santa vai acabar comigo. E iso que aínda non me atrevo a flaxelarme nen a levar cadeas. Pero todo se andará. |
posted by Regueifeiro @ 1:32 PM  |
|
|
|
| Março 21, 2005 |
| Cheguei a tempo |

Ainda faltan unha hora para que chegue o martes así que aínda estou a tempo de cumprir a tradición e facer a tríada de recomendacións de luns. Imos aló:
Unha película: A FNAC acaba de editar en DVD de xeito exclusivo catro indispensábeis, así que non recomendarei unha senon as catro. Dúas do pope do cinema independente americano John Cassavetes -na foto-, Opening Night e A Woman under the Influence. E dúas de Fassbinder, a mítica Querelle e a dura O mercader das catro estacións.
Un disco: O debut dos neoiorquinos The Bravery. Se hai algo bon na segunda onda de revival roquista (Franz Ferdinand, The Killers, Radio 4, Bloc Party...) é a posibilidade de bailar con grupos de guitarras, algo que non acontecía dende a New Wave e ao que os da miña xeración e posteriores non estamos en absoluto afeitos. A receita xa é coñecida: bombos catro por catro con charles sincopado, sintetizadores arpexiados e guitarras tocadas coma instrumentos de percusión. Todo sumado a unha boas melodías de voz faise irresistíbel. Non podes evitar marcar o ritmo cun clásico tacón-punta-tacón, coma mínimo. Garantido pol'A Regueifa. Ademais de por The Village Voice que xa os designou coma "New York's Official Next Big Thing".
Un libro: O interesante Ingmar Berman. El último existencialista de Jordi Puigdomenech. Se xa foches abducido polo universo filosófico-fílmico do xenial director sueco é unha obra imprescindíbel e se aínda non és do clube é unha boa excusa para introducirte no seu mundo de símbolos metafísicos. De feito o autor esquence en boa medida o aspecto formal do seu cinema, o cal é de agradecer, e aproveita para entrar de cheo na ética da súa obra, analisando tanto a obra en sí como a ideoloxía e filosofía que subxace debaixo, así como a influencia que nela tivo o cinema de Dreyer, o pensamento de Kierkegaard e Sartre e as súas propias experiencias vitais. |
posted by Regueifeiro @ 9:41 PM  |
|
|
|
| Março 18, 2005 |
| Os pasteis de Robert Diniro |

Fican lonxe os tempos felices en que Paco Vázquez contababa nas entrevistas que cando paseaba pola Calle Real as señoras se che achegaban para piropealo e dicirlle o moito que se parecía a Robert "Diniro". Corría o ano 99. Agora xa nada é o mesmo. Notamos a Sir Paco preocupado, turbado, alporizado, agresivo. Que foi daquela simpatía chulesca que o caracterizaba? Xa nada é como antes. A sua mítica gabardina Bogart -ver foto- xa non lle senta tan ben. Até a sua estreita amizade co PP parece esvaecer. Pero que lle pasa a Sir Paco? Estará preocupado por todas as irregularidades urbanísticas que comezan a sair á luz? Home, a verdade é que as circunstancias teñen mudado. Nas últimas eleicións non perdeu a maioría absoluta de miragre (por 400 votos creo recordar) e o novo Fiscal Xeral, Carlos Varela, xa non é tan coleguita como Malvar. E para colmo agora o Fiscal de Patrimonio do TSXG lle abre unha investigación sobre un posíbel delito na compra da súa xa famosa casa. Dende logo son malos tempos para Robert Diniro. Por sorte para el aínda que se lle vaian descubrindo os pasteis seguirá contando co hipócrita respaldo incondicional do PSOE. Os votos -aínda que envelenados- semellan mandar máis que a ética. |
posted by Regueifeiro @ 12:23 PM  |
|
|
|
|
| Saúdos! |

Que educados estes rapaces tan guapos, católicos e de boa familia que tan amábelmente nos saudan coa man dende o epicentro mesetario. Todo un detalle. Como se nota que son de colexio de pago. Pois nada, devolvémoslles o saúdo esperando que restituan a estatua do seu avó canto antes. Estes rojos son o peor. Como ousan? Pero se en Alemania e Italia é do máis normal atopar estatuas de Hitler e Mussolini nas prazas dos povos... |
posted by Regueifeiro @ 10:52 AM  |
|
|
|
|
| Eu sempre fun mais do Quimicefa |

É broma, oh! Que eu son dos que opinan que a única fariña saudábel é a que leva a masa da empanada de zamburiñas. E como din os technopunks Ec8or no seu tema antifarlopeiro Cocaine ducks: "I know your game, I don't need your drugs". |
posted by Regueifeiro @ 12:43 PM  |
|
|
|
| Março 15, 2005 |
| O Tíbet derrotado |

O Dalai Lama declarou onte que o Tíbet é parte da China no que sen lugar a dúbidas é unha rendición en toda regra. Trás mais de sesenta anos de loita pola independencia e mais dun millón de mortos e centos de torturados esta declaración de lealdade a Pekín proe como sal na chaga aberta na alma do Povo Tibetán. Alega como causas que aconsellan a integración en China o desenvolvimento económico derivado da mesma e o compromiso de maior tolerancia relixiosa, ao parecer interesada, xa que o Estado chinés pretende recuperar os valores do budismo para loitar contra o consumismo capitalista que asulaga China. Perversa simbiose. O un recupera o poder relixioso e os outros o utilizan para loitar contra as funestas consecuencias do capitalismo. E todo a costa do dereito de autodeterminación do Povo Tibetán. A isto na miña aldea chámanlle traición. Claro que isto lles pasa por mesturar a política e a relixión e ter de líder a un fulano tan descerebrado que até hai ben pouco se adicaba a ameazar a China con non reencarnarse máis para que non souberan con quen negociar a independencia. |
posted by Regueifeiro @ 11:41 AM  |
|
|
|
| Março 14, 2005 |
| Nostalxia do K7 |

O teu prezado computador ten CD-ROM? Ten gravadora? Ten DVD-ROM? Ten lector de tarxetas de memoria? USB 2.0? Firewire? Wifi? Bluetooth? Pero a que non ten para ler casetes? pois vaia merda de computador... Todos adicamos unha boa parte da nosa adolescencia a gravar todo o que pasaba polas nosas mans, incluidos programas de radio, concertos e entrevistas. Por non falar dos recompilatorios persoalizados. E que pasa agora con todo ese valioso material fonográfico? A verdade é que o podes pasar a MP3 pero dá certa mágoa desfacerte do Boom 3, da maqueta de Dirty Barriguitas, do Max Mix 5 ou daquela fita de Barón Rojo que mercaches naquela gasolineira sen que os teus pais se deran conta. A solución é o aparello da foto, que funciona exactamente igual que un CD-ROM normal pero con casetes. Podes ripear as casetes a MP3 e até copialas. E por suposto reproducilas con aquel son analóxico tan cálido que o MP3 nos fixo esquecer. |
posted by Regueifeiro @ 5:47 PM  |
|
|
|
|
| Primavera |

Segundo o calendario ainda restan uns dias para que chegue pero segundo os meus paxaros, que xa comezaron a facer un confortábel niño con lascivas intencións, xa está aquí de cheo. Fíome mais deles que dos caprichos do Papa Gregorio. E neste fermoso luns primaveral, como xa é tradición...
Unha película: Editada hai pouco en DVD, Amator, fita na que o xenial Kieslowski narra, con tintes de comedia negra, a evolución dun obreiro da Polonia comunista -na foto- que comeza por mercar un cámara de 8 mm para gravar os primeiros pasos da sua filla e remata sendo unha especie de Dziga Vertov, perdendo todo o que tiña por mor da súa obsesión co cinema. É certo que o autor aproveita esta historia sobre o enorme poder do cinema para criticar a rixidez e determinadas dinámicas da burocracia comunista pero tamén o é que non chega en nengún intre a criticar o sistema no seu conxunto, non sei se pola censura ou porque non lle parecía tan malo como algúns nos contan. De feito, reflexa as condicións de vida na Polonia de finais dos 70 con unha simpatía inusual para a nosa lobotomizada mentalidade capitalista. Unha mágoa que logo chegara a CIA, o Vaticano e o bigotudo sindicalista beato a mandalo todo ao carallo.
Un disco: La Maison de Mon Reve desas sorprendentes irmás que son Cocorosie. Que dificil é describir o que fan. O mellor é escoitalas. Axiña van vir pola Galiza, así que poderemos xulgar en persoa a sua música e o seu peculiar fondo de armario para descobrer así se son auténticas ou só un producto máis. Ando intrigado.
Un libro: "De Sodoma a Chueca. Una historia cultural de la homosexualidad en España en el s. XX." de Alberto Mira. O título xa o diz todo. Libros coma estes, sacando do armario á Historia, son indispensábeis.
|
posted by Regueifeiro @ 11:05 AM  |
|
|
|
| Março 11, 2005 |
| Caralladas de venres |
| Os hai que matan o tempo tuneando o rato do computador. Outros facendo scripts que che permiten mandar un email a alguén escrito coa tua propia mexada. E incluso os hai que os fan para mandar emails escritos nunha parede co sangue do teu dedo recén amputado. |
posted by Regueifeiro @ 11:23 AM  |
|
|
|
| Março 10, 2005 |
| Antony and the Johnsons |

Contan que a primeira vez que Lou Reed escoitou a Antony cantar púxose a chorar. Súmome ás suas bágoas. Unha das voces mais fermosas que nunca escoitei. Sen dúbida. E temas coma Hope there's someone, You are my sister, My lady story ou For today I am a boy deixanche irremediábelmente derrotado. Detrás da maquillaxe, da ambiguidade e a androxinia agáchase non só unha voz con unha capacidade infinita para a conmoción, tamén un compositor enorme coma demostra no recén editado LP I am a bird now, cheo de colaboracións ilustres coma Boy George, Devendra Banhart, Rufus Wainright e o propio Lou Reed. Con un pouco de sorte poderemos ver a Antony acompañado polos seus Johnsons este mesmo ano xa que é un dos artistas confirmados para o Primavera Sound. |
posted by Regueifeiro @ 12:02 PM  |
|
|
|
| Março 09, 2005 |
| Fanny & Alexander |

Entre os centos de maquetas enviadas ao Proyecto Demo deste ano hai unha morea de grupos galegos. Adaline, Beluga, Emma Placer, Gas Panic!, Los Deuteronistas, Telémaco, What?, Samuel Leví e Tacoma de Vigo; Anatoli, Nouvelle Cuisine, Triquinoise, Cubala e Revolujoin da Coruña; Annie Hall de Ourense; Debuxos Reanimados, La Fábrica del Sueño e Maina de Pontevedra; Gloomy House de Lalín; Overlook de Caldas de Reis; Red de Moaña; HiTechLovers e Ragdog de Nigrán; Marmota Phil, Stay Pretty, Pichichi Musical, Verano en Lisboa e Fanny & Alexander de Compostela. Rediós. Calquera diria que hai unha escea galega ou algo semellante. Nada mais lonxe da realidade, por desgraza. De todos eles os favoritos da Regueifa son os pipiolos da foto, o duo compostelán Fanny & Alexander, con temas de pop indietrónico tanto en galego coma en inglés. Puro cosmopolitismo. Podedes escoitar alguns dos seus temas aquí.
|
posted by Regueifeiro @ 6:16 PM  |
|
|
|
|
| Non cos meus impostos |

Resulta que ao octoxenario terror dos fabricantes de preservativos non lle saen as contas cos seus gastos protocolarios de 2004. Demasiadas persoalidades visitaron Compostela neste Xacobeo, din, e claro, teño que ser eu cos meus impostos o que lles encha o bandullo e os teña a corpo de rei. Pois non. É de todos ben coñecido que a rota gastronómica habitual do Patrón oscila entre o Vilas e o Toñi Vicente, restaurantes nos que, para os que non sexades de Compostela, o cuberto por persoa non baixa da décima parte do salario mínimo interprofisional. Supoñendo que Don Manuel habitase un galpón, e aínda por riba de seu, sería máis ou menos comprensíbel que xantase todos os días fora, neste tipo de restaurantes, como fai sen excepción, pero resulta que non, que vive nunha casona maravillosa, con todo tipo de atencións pagadas cos nosos impostos, incluído un servizo de cociña do máis alto nivel. Logo a que ven iso de andar derrochando o meu diñeiro en cuchipandas por ahí adiante? Que coma na casa e que convide a comer a quen lle corresponda como -xa fugaz- Presidente da Xunta, que para iso pagamos a residencia de Monte Pío. Por certo que non sei se vistes onte Memoria de España en TVE. O de Vilalba saía elegantísimo co seu uniforme de gala de Falange, facíalle un tipiño do mais xeitoso, á beiriña mesmo do tío Paco. Pregúntome se haberá algun outro caso na Historia en que un alto cárrego dunha dictadura en vez de rematar na cadea ou no esquencemento se convertise despois nun demócrata-de-toda-la-vida. Menos mal que xa lle queda pouco. Como pouco lle quedou ao noso querido Monseñor Rouco-Clavel. Pobre home. Co moito que ten loitado polos sacros valores familiares e así llo agradecen. Ainda que eu desconfío. Cheira a manobra para mellorar a maltreita imaxe da Igrexa renovando faces e, de paso, permitir a Rouco marchar para Roma a colocarse nun bon posto na pole position do Grande Premio da Fumata Branca. Destes MIB con saia hai que desconfiar, que non dan -nunca deron- puntada sen fío. Ben o demostraron durante cuarenta anos. |
posted by Regueifeiro @ 9:09 AM  |
|
|
|
|
| O que se aviziña |
| Leo que a SGAE está negociando un novo canon, desta vez sobre as liñas de ADSL. Ten a sua lóxica. Coa velocidade que se aviziña (xa é inminente a chegada do ADSL2+) nen tan sequera precisarás baixarte unha película para vela xa que o poderás facer en tempo real, e igual cos discos, xogos ou ebooks. Estes xa viron o negocio. Imaxino un futuro non moi lonxano en que ninguén posuirá os soportes físicos -nen os venderán-, só o dereito ao desfrute pontual telemáticamente, pasando previamente por caixa, claro está. Maos tempos para o fetichismo e o coleccionismo. |
posted by Regueifeiro @ 1:45 AM  |
|
|
|
| Março 08, 2005 |
| A Regueifa Fotolog |
| Hoxe, nun arrouto expansionista, estreo fotolog. Impoñéndome a limitación de non usar nunca o Photoshop. |
posted by Regueifeiro @ 12:23 PM  |
|
|
|
| Março 07, 2005 |
| Blue Monday |

Unha película: Demonlover, unha fita algo complexa na sua estructura (por non dicer caótica) na que o director da fermosa Finais de agosto, principios de setembro muda por completo o seu rexistro para meterse de cheo nun turbador thriller de estética ciberpunk no que reflexiona sobre a relación entre a realidade e a ficción co porno virtual como excusa. Non é nengunha obra mestra pero dende logo é do mais interesante que se pode ver estes dias polas grises carteleiras ás que estamos condenados, ainda que sexa con dous anos de retraso. E desfrutar da presenza de Chloë Sevigny sempre é un bon pretexto.
Un disco: Maravilloso novo album de Josh Rouse, Nashville, no que desprega unha enorme bateria de influencias ao servizo da postmodernidade feita música. E ese terceiro tema que é Winter in the Hamptons, metade plaxio metade homenaxe aos Smiths, que non dá saido do meu playlist nen á de tres.
Un libro: Esa indispensábel biblia musical que é Teen Spirit, de viaje por el pop independiente. A través de diversos ensaios, cada un adicado a un estilo ou movimento musical, unha serie de autores -habituais do Mondosonoro e Rockdelux- dan un repaso á historia da música dende a Velvet Underground até os nosos dias, pasando polo punk, new wave, no wave, hardcore, britpop e grunge chegando até estilos mais actuais coma o neofolk ou o postrock. Ideal para saber o que buscar no P2P e/ou encarregar na tua tenda de discos habitual. E por suposto que tamén é ideal para non ficar con cara de parvo cando o guai de turno che fale de Richard Hell, Gang of Four ou cLOUDDEAD. |
posted by Regueifeiro @ 12:36 PM  |
|
|
|
| Março 04, 2005 |
| Poemas para Emilia |

Por fin chega ás miñas mans este poemario. Poucas veces se ten a oportunidade de ler poesia escrita por persoas que coñeces. E cando acontece daste conta de que entre todas as artes a poesia é a que mais ispe ao autor. Arríncalle a pel e o deixa en carne viva fronte ao leitor. Se é un auténtico poeta, claro está. E isto non se pode finxir. Non valen os impersonators. Ou és poeta ou non és poeta, é coma a cor do teu cabelo, podelo tinguir de mil cores pero a raiz sempre abrolla coa sua cor natural. E ser poeta tamén é un modo de vida. Venme á cabeza o episodio no que nun arrouto romántico, Manoel Antonio marchou loitar na Grande Guerra -no bando que el consideraba o agredido- e ao chegar a fronteira lle foi solicitado un pasaporte que non tiña -marchara co posto- ante o que respostou algo así como "son poeta e galego e con iso é suficiente". Ese é o modo de vida do poeta, deixarse levar polos sentimentos e ideais sen pensar nas consecuencias. Por isto e polas suas verbas Mon G. Buhigas é un auténtico poeta.
E unha fermosa banda sonora para acompañar o ton intimista deste poemario poderia ser o fermoso último disco de Low, The Great Destroyer, banda que nos visitará o vindeiro 25 de abril. A cita será no Teatro Salesianos de Vigo, dentro do Festival Sinsal 3.0, que tamén incluirá a actuación de Lali Puna, Berg Sans Nipple e Julie Doiron o 14 de marzo. Pero se tés fame de música ao vivo e non podes agardar podeste achegar até The Coruña este sábado ao concerto do exlider de Hefner, Darren Hayman, no que tamén tocarán eses calvorotas tan altos e sensíbeis que son The Zephyrs e o noso adorado e sempre omnipresente Nacho Vegas. |
posted by Regueifeiro @ 10:45 AM  |
|
|
|
|
| Lembrando ao Sr. Lapique |

No Mondosonoro deste més adican un artigo ao noso Andrés Do Barro, algo inimaxinábel hai apenas uns anos. E todo grazas á inestimábel laboura desta xente. Agora para continuar co revival reivindicatorio aparece pola mula un ripeo dun LP de 1976 con doce dos seus temas menos coñecidos, os gravados na última época, trás a saída de RCA (teño entendido que o arquivo se chama Andres Do Barro - LP de 1976 no selo Impacto). Para que non fiquen no esquencemento. |
posted by Regueifeiro @ 12:20 AM  |
|
|
|
| Março 03, 2005 |
| Os restos do naufraxio |
| A semana pasada preguntábame dende a miña ignorancia como galego de interior sobre as mortes no mar e a falla de medios nos naufraxios. Hoxe leo n'A NOSA TERRA que no caso do barco de Burela o rescate tivo que vir dende Alacante, por iso tardou tanto, xa que na Galiza os medios de salvamento son completamente insuficientes. Manda carallo. Para a Cidade da Cultura non escatiman gastos e para as cousas esenciais das que dependen moitas vidas estamos vendidos. E esta xentalla durmirá tranquila polas noites? |
posted by Regueifeiro @ 7:29 PM  |
|
|
|
|
| The times they are a-changin' |

Leo na Voz de Galicia que un inquérito encarregado polo PSOE deixa ao PP con 32 escanos, nove menos dos que ten actualmente. Sendo un inquérito de partido hai que ler estes dados coa máxima prudencia (prevé, por exemplo, un mais que dubidoso traslado de entre catro e cinco deputados do BNG ao PSOE) pero aínda así a marxe para que o PP perda a maioria absoluta é tranquilizadora. E vista a experiencia de ERC tanto en Catalunya coma no Estado fica claro que o que compensa neste sistema democrático é ser a chave de governo, moito mais que o número de votos. Unha paradoxa mais da democracia. De pouco lle valeu ao BNG hai uns anos converterse fugazmente na segunda forza mais votada. Moito mais útil cogovernar e ser a chave en todas e cada unha das decisións do partido mais votado, neste caso o PSOE. Haberá que ir pensando unha palabra equivalente a Conseller en Cap para Anxo Quintana. Algunha idea? |
posted by Regueifeiro @ 8:18 AM  |
|
|
|
| Março 02, 2005 |
| Morriña do non vivido |

Coido que é bastante habitual entre os que tivemos a desgraza de ter nascido nos 70 ter o sentimento de terse perdido a maioria dos intres chave da segunda metade do século XX. O Brighton do 64. O San Francisco do 67. O Paris do 68. O Londres do 77. O Madrid do 81. Cada un ten os seus intres históricos fetiche. O meu sempre foi o 68 parisino. Películas ambientadas na época coma The Dreamers de Bertolucci ou La chinoise de Godard espertan en min unha saudade moi especial. Pero agora non teño mais remedio que mudar Paris por Compostela. Despois de ler este artigo descubrin o libro Voces Ceibes de Vicente Araguas. Nel, coa excusa de falar do grupo de cantautores galegos Voces Ceibes, do que foi cofundador, fai unha subxectiva crónica -política, trouleira, social e persoal- da Compostela do 68. E vaia. Nen Paris, nen Quartier Latin, nen Eric O Roxo, nen hostias. Compostela. Eu queria ter vivido esa época na cidade dende onde escrebo. Ainda que logo rematase tan queimado coa xente como o Araguas. É igual. Que me quiten o bailado. Ao fin e ao cabo vivimos dos recordos. |
posted by Regueifeiro @ 10:31 AM  |
|
|
|
| Março 01, 2005 |
| Coexistencias pacíficas |

Cóntame ese Nam June Paik galego que é Antón Cabaleiro que a partires deste venres e até o 15 de maio poderemos ver o seu último proxecto, Coexistencias Pacíficas, na Fundación Laxeiro de Vigo. Neste novo traballo válese do video, a fotografia e o debuxo dixital para aprofundar na relación entre o individuo e o mundo da información, especialmente os medios de comunicación de masas. Partindo desta idea divide a sua obra en duas partes. Na primeira, "Tácticas del salchichón", reflexiona a través da fotografia sobre a excesiva especialización no mundo laboral e a conseguinte perda de perspectiva e control sobre a totalidade dos procesos. Na segunda, "Polaris", usando coma soportes o debuxo dixital e o video, mostra a unha serie de individuos tentando adaptarse ás "medidas perfeitas" que á sociedade lles impón, tan arbitrarias coma alleas a eles.
E xa que estamos co tema e se non che importa facer 150 quilómetros mais até podes baixar ao portense Museu Serralves onde agora mesmo pódense ver algunhas das interesantes obras do artista multimedia lisboeta Joao Penalva e comprobar o delgada que é a liña que separa algunhas manifestación de videoarte e o cinema de avangarda. |
posted by Regueifeiro @ 10:12 AM  |
|
|
|
|
|