Abril 29, 2005
Teño a tele escarallada


Non sei que lle pasa. É coma se fose un reloxo e adiantase. Anda sintonizando a programación de xuño. Que curioso.
posted by Regueifeiro @ 8:07 AM  
Abril 28, 2005
Con un par (na rede de pares)


Dende que entrou en vigor a última modificación do Código Penal e sobre todo agora, trás a aprobación do Plan Antipiratería, hai moitas dúbidas sobre a legalidade do P2P. A xente xa non sabe se baixarse un disco ou compartilo sen ánimo de lucro é legal ou non. A verdade é que entre a Doutrina hai opinións para todos os gostos pero en realidade até que non haxa xurisprudencia ao respeito a incertidume continuará torturando a todos os adictos á acumulación de cultura en formato binario.
Por iso o profesor da UPV Jorge Cortell, nun arrouto de xenerosidade, está decidido a facer a proba oferecéndose coma cabeza de turco. Acaba de anunciar que se vai baixar publicamente unha obra protexida o vindeiro mércores, 4 de maio, á unha do mediodia, dende unha aula da UPV, e fai un chamamento á Fiscalía para que dea ordes de detelo no caso de que sexa delicto.
posted by Regueifeiro @ 12:36 PM  
O solpor de Robert Diniro


O outro día estiven nesa mítica tasca herculina chamada La Traida. Para un picheleiro entrar ahi é todo unha experiencia. Entre cunca e cunca de ribeiro basta con botar unha ollada á parafernalia que colga das paredes e á súa clientela para facer un completo estudio sociolóxico do Coruñesismo máis rancio. E coma bon templo coruñesista, por suposto, está presidido por unha tremenda foto do lider ideolóxico, do gurú, do profeta, do guia espiritual, o atractivo Sir Paco AKA Robert Diniro (do pobre Lendoiro só teñen unha caricatura). Ao parecer as donas do local, xa case octoxenarias, levan máis de dúas décadas namoradas de Don Francisco e son auténticas pilares do seu apoio popular.

Pero resulta que o outro día lle escoitei dicer a unha delas que estaba moi ofendida con Don Francisco e que até que non se desculpase persoalmente non voltaría a poñer a súa foto. Efectivamente, mirei para a parede e a foto de Sir Paco xa non estaba. Que falcatruada lle faría á pobre señora? Debeu ser algo grave. Dende logo se comeza a perder os seus bastións ideolóxicos o fracaso eleitoral de Paco Vázquez está máis perto do que pensamos. Sobre todo agora que, por fin, comeza a ser criticado públicamente polos seus propios compañeiros de partido. Estaremos ante o solpor do príncipe?
posted by Regueifeiro @ 10:56 AM  
Abril 27, 2005
Portugal Sitio Distinto (IV)
posted by Regueifeiro @ 5:28 PM  
Play that funky music


O funk en galego ten nome proprio: Loretta Martin. Acaban de editar o seu primeiro disco e a verdade é que o fan realmente ben. A miña favorita é "Noutro lugar", co seu delicioso aire a Jamiroquai. O disco pódese mercar aqui.
posted by Regueifeiro @ 12:46 PM  
Sobre a adopción homosexual


Lendo sobre a reforma do Código Civil que igualará os dereitos das parellas homosexuais coas heterosexuais vexo que só van modificar os artigos 44, 66 e 67, relativos ao matrimonio, deixando a adopción á regulación administrativa. Na teoría ten a súa lóxica xa que a igualdade formal será total, pero na práctica ten moito perigo. Como van garantir que nos informes froito dos intensos seguimentos que se lles fai ás parellas non se considere máis idóneo para o neno un matrimonio heterosexual que un homosexual? Por moito que se equiparen os dereitos, será necesario tamén unificar os criterios de idoneidade porque senon o que vai acontecer é que, de facto, se limite a adopción homosexual, ficando relegados os matrimonios homo ao segundo posto do draft, podendo só coller os nenos que as parellas hetero rexeiten.
posted by Regueifeiro @ 10:07 AM  
Abril 26, 2005


Se a alguén lle sobran 150 euros pode puxar até o luns por este pequeno anaco da nosa Historia.
posted by Regueifeiro @ 1:25 PM  
Graciñas


Onte coñeceuse o resultado do Proyecto Demo e Fanny & Alexander nos piden que agradezamos dende A Regueifa a todos e todas @s que os apoiaron e votaron levándoos até un meritorio séptimo posto. Grazas mil.
posted by Regueifeiro @ 1:04 PM  
Abril 25, 2005
A Frustraçao dos Cravos


Non estou moi certo de que haxa algo que celebrar. Máis ben ao contrario, laiarse con amargura pola oportunidade perdida. Do espirito do 25 de abril resta máis ben pouco no noso querido viziño. Por non dicer nada. Unha mágoa. Oportunidades como aquela para mudar verdadeiramente as cousas apreséntanse poucas veces na historia dun Povo.
posted by Regueifeiro @ 9:27 PM  
Joselin


Tremendo achádego: un disco de pizarra dos anos 20 no que un tal Joselín conta dúas historias en galego, "O tabeirón" e "A misa". Se non o vexo non o creo. Son ben coñecidas gravacións musicais galegas da época e incluso anteriores pero é todo un descubrimento atoparse con que en plena dictadura de Primo de Rivera un contacontos galego editara un disco narrando historias en "dialecto". Paseinos a MP3 para satisfacer as curiosidades que imaxino espertará, coa mellor calidade de son posíbel, que é máis ben pouca por mor dos anos e o formato (un disco de pedra a 78 RPM non é precisamente un DVD).
O tal Joselín, novo ídolo da Regueifa dende xa, debía de ser todo un personaxe na época porque no conto de "A misa" aínda vocaliza máis ou menos pero cando gravou o do Tabeirón levaba unha mamada que non podía coa vida. Podedelos baixar aqui e aqui.
posted by Regueifeiro @ 8:18 AM  
Abril 22, 2005
Benedicto I


Este Papa Benedicto si que molaba. Todo un ídolo de finais dos 60 coa súa estética Buddy Holly. Fermosa voz, boas melodías entroncadas coa tradición e comprometidas letras. Con só unha guitarra por báculo. Podedes escoitar algunhas das súas homilías aqui e aqui.
posted by Regueifeiro @ 5:50 PM  
Portugal Sitio Distinto (III)


Está é de colleita propia e tirada nunha rúa da Galiza. Se algún día tedes psoriase nas virillas chamade a ese número para que vos traian dende Braga unhas abellas que vos acribillen a zona afectada. Man de santo.
posted by Regueifeiro @ 11:36 AM  
Guero


"Abuelitas with plastic bags
Walking to the church with the Spanish candles
Daily borracho says 'ique putas!'
Andale, Joto, your popsicle is melting
Guero, where are you going?
Que' onda guero?"


Trás a sonada colaboración con Andrés Do Barro o Beck volta aos seus inicios estilísticos no seu novo disco, cousa que celebro. Incluso retoma o spanglish para algunhas letras. A de Que onda Guero parece a parrafada do típico turista inglés borracho de Torremolinos entrándolle a algunha nativa.
posted by Regueifeiro @ 11:00 AM  
Abril 21, 2005
Vivan @s noiv@s


Por fin. Parabéns para todos e todas.
posted by Regueifeiro @ 5:46 PM  
Ipod mixer


Polo de agora é un prototipo pero se Numark se decide a producilo non creo que venda moitos. En comparación coa combinación portatil + Finalscratch + Traktor, este aparello é unha pataca.
posted by Regueifeiro @ 12:44 PM  
O lado escuro


Graciñas a Sempre Anonymous polas imaxes ;-)
posted by Regueifeiro @ 12:09 AM  
Abril 20, 2005
Music Plasma


Para pasar o tempo mentres o artista anteriormente coñecido como Don Manuel se decide a adiantar ou non as eleicións nada mellor que visitar www.musicplasma.com. Neste sito escrebes o nome dun grupo, dunha película, dun actor ou dun director e construeche unha constelación con todos os artistas e obras relacionados. Ademais de ser ben curioso é moi útil para cando escoitas a un grupo ou ves unha película da que gostas, descobrer grupos ou autores semellantes. Podes pasar horas e horas seguindo a pista dun estilo musical ou dunha corrente fílmica.
posted by Regueifeiro @ 5:47 PM  
Berlin 1933 - Roma 2005


Sen comentarios...
posted by Regueifeiro @ 12:44 PM  
Abril 19, 2005
Ratzinger Z


Son o único ao que Ratzinger lle recorda ao Fétido da Familia Addams? As olleiras sonche cuspidiñas...
posted by Regueifeiro @ 10:14 PM  
Dobarrismo (II)


E no mesmo lugar onde achei o single anterior apareceu este test-pressing de Meu amor. Os test-pressings eran as copias de proba que se sacaban, moitas veces no propio estudo de gravación, para ver como se escoitaba en vinilo o que que acababas de gravar. De cada disco soe haber uns poucos test-pressings, contados cos dedos dunha man, normalmente co título escrito a man sobre a galleta. Se este test-pressing fose dos Beatles ou de Elvis tería feito o grande negocio xa que se cotizan a varios miles de euros. Neste caso o valor é meramente sentimental, que non é pouco. Só trae o tema Meu amor, a face B está en branco, e trae escrito a man os dados. Imaxino que polo enxeñeiro de son, polo productor ou por alguen do estudo de gravación. Ou polo propio ADB? Quen sabe.

Marcadores:

posted by Regueifeiro @ 5:30 PM  
Dobarrismo (I)


Hai tempo que na Regueifa non se fala do ferrolán máis querido. Imos solventar esa eiva. Hai pouco atopei este single de 1972, un dos máis difíceis de conseguir. A foto da capa nos amosa ao ADB máis fashion victim de todas as fotos del que eu lembre. Tremendas guedellas. Tremendo tipín. Tremendos tacóns. Tremendos pantalóns de campá. Tremendos aneis. Tremenda escrava no pulso. E tremendo bosco de chopos ao fundo.

Marcadores:

posted by Regueifeiro @ 5:16 PM  
Abril 18, 2005
In extremis


Unha película: Tanta globalización e tanta carallada e logo resulta que as películas chegan con tanto retraso que se solapan. Hai dúas semanas comentaba, todo cheo, a "última" de Kim Ki-duk. E agora resulta que xa temos aquí outra máis recente, unha historia de culpabilidade e redención titulada Samaria. Pois nada todo o que sexa cinema de calidade benvindo sexa.

Un disco: Ia falar do novo disco de Nadadora, que sae o próximo 16 de maio, pero non é cuestión de recomendar discos sen escoitalos antes, por moitas simpatías que che esperte un grupo. Así que o disco desta semana é o novo de LCD Soundsystem. O rock electrónico deste home-orquestra deixa totalmente en bolas a outros experimentos do pasado coma Apollo 440 ou Junkie XL. E "Daft Punk is playing at my home" é, ou vai ser, sen dúbida, un dos temas da temporada.

Un libro: Até que vin Viva la muerte, para min Fernando Arrabal non era máis que o típico intelectual que pillaba tremendas mamadas e montaba cristos nos debates aos que o convidaban (podense atopar capturas dalgunhas das suas preas televisadas na mula). Despois de ver esa indescriptíbel película comezei a tomalo en serio e a seguirlle a pista. Descubrín o seu interesante pasado, cunha producción literaria e fílmica de enorme envergadura. Ademais de ser un arroutado capaz de escreber, en plena Dictadura, unha carta a Franco acusándoo, entre outras cousas, da morte do seu pai, fusilado trás a Guerra Civil. Dende aquela está exilado, agora voluntariamente, en París, onde convive con outros rara avis das artes e da provocación como o amado-odiado Michel Houllebecq. E precisamente ¡Houellebecq! é o título do seu último libro, que xira en torno ás afinidades que unen aos dous escritores.
posted by Regueifeiro @ 11:32 PM  
Amateurismo


Hoxe escoitaba a esa xornalista tan chea de sí mesma que é Victoria Prego dicer, a respeito dunha intervención pública da rapaza da foto, que o parlamento vasco ía perder calidade nas intervencións. Viña a criticar a falla de profesionalidade do seu discurso no plano formal. Cuestións ideolóxicas aparte, ogallá non existise a figura do político profesional. Ogallá todos os nosos representantes falasen en público como quen fala coa familia ou cos amigos, sen tanto formalismo, sen tanta garabata de seda e pano de Loewe, sen tantos repetitivos acenos coas mans aprendidos en cursiños financiados polo partido, sen tanto ton de voz de telexornal, deixando tremer a voz polos nervios de falar en público e trabucándose cada dous por tres, quedando in albis de cando en vez. Coma fixo esta rapaza. Como faría unha persoa normal. Reivindico o amateurismo como esencia da actividade política.
posted by Regueifeiro @ 1:01 PM  
Hoxe comeza o Conclave


É ben sabido que o Papa convive co seu secretario particular e un grupiño de abnegadas monxas que o coidan e atenden. As pobriñas están que non lles entra unha palla polo cú, como se soe dicer, ante a incógnita de quen será o seu novo compañeiro de piso durante a próxima década. E as caipirinhas que lles serve o pillabán do secretario particular, ao outro lado da barra, non axudan moito a calmalas. A da esquerda de todo é a que parece que o leva peor. A ver se teñen sorte coa escolla.
posted by Regueifeiro @ 10:16 AM  
Abril 17, 2005
Oportunidade histórica (mais unha)


Interesantes resultados. Que fará agora Ibarretxe? Co enorme apoio ao PCTV (superando en votos incluso a Euskal Herritarrok en plena tregua de ETA do 2001) o panorama político muda considerabelmente. Cos seus escanos clavan a maioría absoluta. Sen contar co escano de Aralar, que xa é a guinda do pastel. Por non falar dos escanos federalistas de IU.
Tomará logo o camiño da simple reforma estatutaria da man de ZP ou continuará coa vía do Referendum refundindo o seu plano coa Proposta de Anoeta, devolvendo á vida o espirito de Lizarra. A lóxica política leva a pensar o segundo. Pero nunca se sabe.
posted by Regueifeiro @ 10:24 PM  
Abril 15, 2005
Portugal Sitio Distinto (II)


Sen comentarios.
posted by Regueifeiro @ 8:06 PM  
Cine guerrillero y alternativo


Non o digo eu, son palabras do seu director, o prestixioso intelectual Ricardito Bofill. A historia promete, unha inocente rapaza labrega galega que remata de gogó en Ibiza cunha banda de ravers pastilleiros. A verdade é que podía tela ambientado en Ordes ou Sada, así podería poñer o de "baseado nunha historia real". Se alguén é tan ousado ou friqui como para ir vela por favor que comente algo que teño curiosidade.
posted by Regueifeiro @ 12:28 PM  
Déjà vu


O domingo hai eleicións en Euskadi e a Galiza xógase máis do que poda aparentar. Se como todo parece indicar, se revalida a maioría nacionalista -sexa co apoio que sexa-, e no outono hai un cambio de governo na Xunta, sumado á atitude dun PSC condicionado por ERC, ao Estado non lle vai quedar máis remedio que replantexarse a serio a cuestión territorial e facer dela o eixo da tan cacarexada reforma constitucional. Será coma un flashback a 1936. Só resta ver como reaccionan os defensores desa Unidad de destino en lo universal llamada España ao sentir o déjà vu.
posted by Regueifeiro @ 11:00 AM  
Novo look
Trás máis de tres meses xa lle ía tardando.
posted by Regueifeiro @ 9:16 AM  
Abril 14, 2005
Volte cando goste (II)


E continúan as visitas "ilustres"...
posted by Regueifeiro @ 6:51 PM  
Beat it


Sigo con atención o xuizo a Michael Jackson. Cada detalle que trascende é máis arrepiante que o anterior. É evidente que o home é un enfermo mental total, víctima do seu pasado, e que hai moitas probabilidades de que todo do que se lle acusa sexa certo. O propio Marlon Brando, amigo íntimo del, chegoulle a recriminar que se fechase con eses nenos e durmise con eles. Pero sexa verdade ou non, a min o que máis me indigna de todo este asunto é que os pais consentisen que os fillos durmisen con unha persoa manifestamente enferma, posíbelmente a cambio de algunha contraprestación. Se eu fose o fiscal imputaríaos coma coautores necesarios.
posted by Regueifeiro @ 10:51 AM  
Inspiración


Xa que Mrs. Todonada pon no seu boísimo blog a foto das súas vistas eu non vou ser menos. Isto é o que vexo dende a miña fiestra. Esa magna obra que o noso xeneroso e inmortal Patrón quixo regalar ao seu querido Povo Galego e pola que temos que estar profundamente agradecidos. Eu polo menos sí que o estou, xa que me inspira enormemente á hora de escreber neste blog. Deus cho pague Don Manuel. Deus e os nosos impostos, claro está.
posted by Regueifeiro @ 8:43 AM  
Abril 13, 2005
Portugal Sitio Distinto (I)


Logo no Sul á cona lle chaman "local certo". Está ben sabelo...
posted by Regueifeiro @ 4:50 PM  
Celta - Deportivo


Comeza o derby. Polos celestes xoga Iván Ferreiro (ex Los Piratas) co seu Canciones para el tiempo y la distancia. Polos branquiazuis xoga Xoel Deluxe co seu Los jovenes mueren antes de tiempo. O olívico sorprende a toda a bancada con unha excelente colección de melodías e letras -tremendo compositor-, xeniais regates, bicicletas, túneis e chilenas con títulos como Turnedo, Estrella de la muerte, Ciudadano A, Mrs. ou Spnb. Versión de Julio Iglesias -aquel cancerbeiro do Madrid que logo se meteu a cantante melódico-, Abrame, incluida. A ofensiva celeste semella imparábel, agudizada polo baixo estado de forma da estrela herculina. Apenas un par de xogadas nas que se albisca un chisco do grande xogador que un día foi, Cientos de Mentiras e o tema que dá título ao disco. A falta de poucos minutos para o final a ausencia de boas melodías e o cutre das letras ("tus discos de platino me importan un pepino" ou "quiero a mi mujer, no quiero ir a la guerra") decantan o taboleiro para os celestes por goleada. Sen tempo para a reacción deportivista os tres pontos marchan para a cidade olívica. Informou a pé de campo Terio Carrera.
posted by Regueifeiro @ 10:48 AM  
Abril 12, 2005
Despedida
Eu sempre fun dos que opinaban que o teito eleitoral do BNG o marcaba a figura -persoal e política- de Beiras. Claro que os hai que pensaban xusto o contrario. En outono veremos quen tiña razón.
posted by Regueifeiro @ 6:05 PM  
Very Low Gay Factor


En www.faceanalyzer.com construenche un perfil a partires dos rasgos da túa face. Só tés que subir unha foto túa -ou de quen gostes- de primeiro plano. Ademais sacanche parecidos con famosos. Completamente acientífico pero moi divertido.

EDITADO: Non me expliquei ben. Non é que a min me sacara o parecido a Rajoy, o perfil de arriba é o que sae coa imaxe de Rajoy. De ahí a brincadeira do Very low gay factor.
posted by Regueifeiro @ 11:05 AM  
Abril 11, 2005
Yr Atal Genhedlaeth


Un dos orgullos nacionais galeses, polo menos entre a mocidade, son os Super Furry Animals e a súa ecléctica mestura de rock, psicodelia, powerpop, progresivo e outras músicas. Moi poucas bandas galesas foron quen de dar o salto internacional. Para conseguilo tiveron que mudar o galés dos seus dous primeiros EPs (Llanfairpwllgwyngyllgogerychwyndrobwl e Moog Droog) pola língua oficial da Common Welth. Aínda así nunca perderon o compromiso político, nacional e de esquerdas, e até recuperaron a súa lingua nai para as letras do disco de 2000 Mnwg. Agora o seu lider, Gruff Rhys, edita un maravilloso disco en solitario -titulado coma este post- no que volta ao galés, mantendo o seu activismo político e sen apartarse demasiado da tónica musical da banda nai.
Está ben comprobar como coas línguas en perigo de extinción se poden facer máis cousas que folk. A ver se cunde o exemplo por estes lares e conseguimos levar o galego ao século XXI tamén no musical.
posted by Regueifeiro @ 12:46 PM  
A chimpar


Hai xente para todo. E Internet é o medio propicio para materializar ese todo, por moi absurdo que poda parecer. A raiz da publicación dun estudo no que se afirmaba que a forza de 600 millóns de persoas -do mesmo hemisferio, evidentemente- chimpando ao mesmo tempo modificaría a órbita terrestre, unha xente que debía de estar tremendamente aburrida comezou esta campaña para coordenar esforzos e probar o invento. Aseguran que a modificación da órbita provocaría un clima máis homoxéneo en toda a Terra freando o quentamento global ademáis de gañar horas de luz. Na nosa terra o chimpo debería de producirse o 20 de xullo de 2006 ás 11:39 horas e 13 segundos. Haberá que estar atento logo.
posted by Regueifeiro @ 10:56 AM  
Outra semana máis


Unha película: Gostei de Ghost World no seu día e desfrutei hai pouco tamén de American Splendor, xenial adaptación das autobiográficas historias de Harvey Pekar, interpretado polo encasilladísimo Paul Giamatti. Algo que non me preocupa demasiado. Se fás algo ben, por que non facelo todo o tempo? E o rol de patético artista fracasado clávao coma ninguén, como demonstrou en Storytelling, Entre copas e agora nesta interesante -e divertida- fita.

Un disco: Unha banda na que se detectan influencias manifestas e declaradas dos Stone Roses, Betaband, The Farm, Happy Mondays, os Primal Scream do Screamadelica ou os míticos MC5 -os que, por certo, xa está tardando a esquerda en reivindicar- non pode ser mala aínda que o quixeran. E os tal Kasabian nen o queren nen o pretenden, como demonstra o seu debut homónimo. O rebumbio formado ao redor deste disco está máis que xustificado aínda que só sexa por singles inmediatos coma o potente Club Foot ou os madchesterianos Processed Beats e Lost Souls Forever. Outros que están aquí para quedarse. E eu tan feliz.

Un libro: Até o de agora, dese psicoanalista, escritor, cineasta, mimo e home do Renascimento que é o chileno Alejandro Jodorowsky, só vira algunha película (Santa Sangre, La montaña sagrada, El Topo...) e lera algúnha das súas obras (Cabaret Trágico...). Hai pouco descubrín a súa faceta como guionista de banda deseñada -en colaboración co debuxante Moebius- coa súa obra maior, a historia de sci-fi metafísica El Incal. Eu nunca fun moito de comics pero a verdade é que agora xa me tarda que rematen a secuela Despúes del Incal.
posted by Regueifeiro @ 8:25 AM  
Abril 08, 2005
Deus os cría...


...e eles se xuntan ;-)
posted by Regueifeiro @ 2:34 PM  
Dominio .GZ
Leo con ledicia que Palestina xa ten o seu propio dominio. Parabéns. Recordo que a finais dos 90 había unha campaña pola rede a prol dun dominio galego. Non sei que foi dela. Moitas webs, incluidas algunhas que levaba eu, levaban o banner da campaña. Había que recuperar a idea. En Cataluña continuaron coas campañas e están a piques de conseguir os dominios .ct e .cat. Tremenda envexa. Daquela campaña galega xa non queda rastro pola rede pero hai pouco os da Rede Galega teñen montado un foro sobre o tema. Pode ser un bon ponto de partida. Sería cuestión de artellar unha pequena web onde recoller os asinantes -do estilo desta- e logo deseñar un banner da campaña coa ligazón para poñer nas webs. Algun/ha voluntari@?
posted by Regueifeiro @ 12:29 PM  
Abril 07, 2005
Sintes e guitarras



Son moi boa combinación. Sobre todo se acompañan a unhas letras en galego. Acabo de escoitar No pleistoceno, dos composteláns Estoy Friki, e a cousa promete. O seu mítico frontman -co seu tamén mítico sentido do humor- define o que fan coma post-bravú. Tomo nota da etiqueta. Pregúntome se estará libre o dominio www.post-bravu.net...
posted by Regueifeiro @ 6:06 PM  
Volte cando goste


Onte pola tarde tiven unha visita dende o Senado. Que intriga. Quen sería? Como chegaría aquí? Sería el? Ou sería el?
posted by Regueifeiro @ 10:14 AM  
Abril 06, 2005
Non te esquencemos


Fico abraiado co pensamento único xenerado ao redor da figura do Wojtyla. Incluso dende as esquerdas a benevolencia é case insultante. Pero que pasa, que é preferíbel non perder os votos dos católicos e esquencer as falcatruadas deste Luchador por la Paz? Por que cando se fala do seu pontificado non se fala do affair do Banco Ambrosiano? Ou das suas amizades perigosas, como a da foto? Ou do Vaticano como paradiso fiscal internacional? Ou dos millóns de enfermos de SIDA por seguir as súas recomendacións morais? Ou da discriminación de mulleres e homosexuais que practicou e predicou? Ou da súa tolerancia cos seus súbditos pedófilos?
posted by Regueifeiro @ 5:28 PM  
Precocidade
Descubro o blog dun rapaz do Grobe de só nove anos escrito en norma Agal no que fala de Pokemon pero tamén de Kortatu e The Clash. Case non o podo crer. Ten que haber truco. Lendoo con máis calma deduzo que llo escrebe a súa curmá maior, que tamén é a que lle proporciona tan saudábeis influencias. Vaia envexa. Eu quería ter tido unha curmá maior que me mercase camisolas de Kortatu.
posted by Regueifeiro @ 12:05 PM   <