Abril 28, 2006

Facendo memoria (XIX): Xavier Alvarez Del Valle



Xa que a voz máis representativa dos fundadores de Voces Ceibes ven de se incorporar á blogosfera galega aproveitamos para lembrar a ese grupo de cantautores que tanto fixeron pola nosa língua cantada arriscando a súa propia liberdade. Comezamos recuperando a memoria dun dos que máis esquencido ficou para as novas xeracións, Xavier Alvarez Del Valle. Desta volta non imos dicer nada sobre el, cóntao todo el mesmo na entrevista que lle fixeron no número 7 da revista Mundo Joven de 1968 co gallo do abrollo da Canción Gallega. Premede nas imaxes para lela:

Free Image Hosting at www.ImageShack.us Free Image Hosting at www.ImageShack.us Free Image Hosting at www.ImageShack.us

Na reportaxe tamén se entrevistaba a Vicente Araguas, conversa que reservamos para máis adiante. Podedes escoitar o clásico María Soliña, tamén cantado por Benedicto no seu mítico Pola Unión pero composto por Xavier, na Radioblog da coluna da dereita.

Ambigrama



Ben enxeñoso. A ver se a algún dos moitos deseñadores de camisolas da GZ se lle ocorre unha con dúas palabras galegas. A verdade é que por moito que forzes os trazos é ben complicado.

Picheleiros desprazados



A absoluta solidariedade d'A Regueifa cos amigos da Gentalha do Pichel está inzada de raiva. Hai un proverbio saxón que diz Dog does not eat Dog que dende logo deben descoñecer estes señores. Iso si, o 25 de Xullo que non falte o permiso para a reunión da Falange en Mazarelos.

Abril 27, 2006

Machuco da semana



Trás unha pausa vacacional, o tal Vincent Jalo, ese animaliño, voltou facer das súas no Extrarradio do domingo pasado poñendo a cantar á diva de idade indefinida ao son do tema que lanzou a Xoel López -definitivamente- a ser o ídolo de indies aloucadas que é. Aqui tedes este Cher Believe vs Deluxe "Que no".

E non vos perder o podcast do último programa de e-music, adicado á maquiavélica arte do mash-up tamén coñecida como machuco.

E, coma sempre, recapitulamos:

-Marilyn Manson "Disposable Teens" vs Nadadora "12:01 AM"

-Madonna "Hung up" vs Xil Ríos "Xirarei"

-Chemical Brothers "Block Rockin' Beats" vs Os Resentidos "Manda carallo"

-Tone Loc "Funky Cold Medina" vs Amancio Prada "Adios rios, adios fontes"

-Portishead "Numb" vs Os Tamara "Unha noite na eira do trigo"

-Nirvana "Smells like teen spirit" vs Fuxan os ventos "Sementeira"

-The Ramones "Blitzkrieg Bop" vs Luis Emilio Batallán "Quen puidera namorala"

-Violent Femmes "Blister in the sun" vs Andrés Do Barro "O tren"

-Outkast "Hey ya" vs A Roda "Pousa, pousa"

-The Clash "Guns of Brixton" vs Rapahel "Divina"

Bioética



Os noxentos argumentos do nacional-catolicismo para ridiculizar a lexítima loita polos dereitos dos grandes simios lémbranme enormemente aos empregados polos escravistas do século XVIII ao considerar aos africanos pretos coma subhumanos. Non digo que un gorila sexa un humano, nen moito menos, nen tampouco digo que só haxa que protexer aos simios e non ao resto dos animais. Pero dende logo os primates, por diversas e evidentes razóns, están moito máis perto dun ser humano que dun rato de laboratorio.

E non, a fin non xustifica os medios.

Abril 26, 2006

Projecto Mourente



A REGUEIFA PLATAFORMA estrea hoxe o primeiro traballo de Projecto Mourente. Unha proposta formada por once temas de techno-pop e synth-pop en galego, inédita até o de agora na GZ, e que podedes descarregar dende xa. Feliz escoita e a non parar de bailar. Eu tamén quero que me enterren na discoteca...

"Ainda que nom pretende seguir um estilo musical determinado, Projecto Mourente procura uma sensibilizaçom sobre a necessidade urgente de fazer pop electrónico em galego. Partindo do trabalho de Jimmy Somerville (Bronski Beat/Communards), Pet Shop Boys e Erasure como referência, este projecto bebe de muitas fontes: Fangoria e Carlos Berlanga, Andrés do Barro, Deee-Lite, Goldfrapp, Pastora, Depeche Mode, Zuco 103, Chico y Chica, Pizzicato Five, Eurythmics, Mylène Farmer, Fernanda Abreu, George Michael, Mercedes Peón, New Order, Étienne Daho, Glashaus, Cool Hinoise, Humanos, La Terremoto de Alcorcón, Saint Etienne, Towa Tei, Astrud, Army of Lovers, Madonna, Ellos, Maga... e assim poderíamos continuar até enchermos a página.

“Baixo os eucaliptos” é o resultado de um ano de trabalho unipersoal aproveitando ocos de tempo livre. Foi concebido e gravado essencialmente na sala de estar dum apartamento da zona velha compostelã com a única ajuda de um computador e de vários programas musicais básicos. A gravaçom da voz foi quase espontánea e apenas houvo ensaios prévios, o qual resulta evidente do primeiro ao último tema. Em geral, e sem muitas pretensões, neste grupo de canções defende-se a imaginaçom na precariedade, cultiva-se o hedonismo retranqueiro e critica-se o amor romántico."

Abril 25, 2006

Medrando



Segundo o último Estudio General de Medios que se acaba de publicar, a Radio Galega pasa de ter o 1,1% do share de todo o Estado a ter o 1,3%. Será que se van incorporando as novas xeracións grazas a programas coma o Extrarradio?

Cine de autor



Atención, fans de Godard, adoradores de Dreyer, siareiros de Pudovkin, estudosos de Bergman e amantes do cinema de autor en xeral: coméntase pola rede adiante que vai a haber unha nova película de... Pajares e Esteso. Xenial. Dende a súa obra mestra de 1983, La lola nos lleva al huerto, semellaban ser unha parella artística aínda máis dificil de xuntar que Morrissey e Johnny Marr. Pero aqui están.

A verdade é que xa lle ía tardando o revival á españolada, ese xenial xénero cinematográfico capaz de sintetizar en 90 minutos os valores e esencia desa Ejpaña á que todo galego de ben devece por pertencer e se diluir nela.

Oportunidades perdidas



Un día idóneo para lembrar que as revolucións ademáis de facelas, hai que continualas e asentalas. De non facelo, delas non quedará máis vestixio que un feixe de saudosas imaxes, coma as deste -fermoso, iso si- video-homenaxe que alguén subiu onte a Youtube.

Muguruza renderizado



Nada menos que vinte anos separan a imaxe desta outra. Como pasa o tempo. En fin, que lle imos facer. Podedes ver o video do primeiro single do seu novo disco aqui.

Abril 24, 2006

Lusco e Fusco libertado



Os composteláns Fanny + Alexander celebran as máis de 600 descárgas do Lusco EP subindo todos os temas do seu CD, Lusco e Fusco. Por certo que a reportaxe da Voz do venres sobre a distribución musical gratuita pola rede na que saían xunto con The Homens, Garzón e Artic Monkeys se pode ler aqui. Copio e pego logo do seu blog:

Estamos abraiados coa boa acollida e enorme difusión que está a ter o noso debut, levamos máis de 600 descargas do Lusco EP en pouco máis dun mes, unha cantidade que non agardabamos e moito menos en tan pouco tempo. E para celebralo decidimos subir tamén os catro temas extra que se inclúen no CD (que continúa á venda en www.trastenda.com). Aqui tedes as ligazóns para baixar todos os temas que conforman Lusco e Fusco:
  1. Lene
  2. Sós/S.O.S.
  3. Mil anacos
  4. Rebumbio
  5. Tree to hide
  6. Tebras entre as mans
  7. Hora da morte
  8. Soños
Tamén podedes descarregar a capa, contracapa e inlay do CD.

Seleccións galegas



Xa está tardando o debut da de baloncesto. A ver se non pasa coma coa de fútebol e desta vez a camisola oficial é, coma mínimo, tan curriña coma a que teñen á venda os de Projecto Global.

Abril 21, 2006

Facendo memoria (XVIII): Son Lalín



Trás case un mes de pausa continuamos lembrando aos pioneiros no uso do galego nos diferentes estilos musicais contemporáneos pero tamén aos que foron en adaptar a música galega a novos contextos. Agora que hai xente coma Mercedes Peón ou Fanny + Alexander que teiman en mesturar nalgúns dos seus temas tradición e electrónica, cumpre lembrar un proxecto que baixo o nome de Son Lalin fixo algo parecido hai case trinta anos. En 1978 saiu este single no que se mesturaban dúas pezas tradicionais con arranxos ben modernos para a época. No tema que podedes escoitar no Radioblog -na coluna da dereita- estes visionarios engadiron á clásica peza de Avelino Cachafeiro arranxos de música disco, converténdoa nunha peza -aínda máis- bailábel. De feito hai anacos nos que hai un diálogo entre un sintetizador e a gaita, algo tan inédito en 1978 coma mesturar repeniques con bombos catro por catro. Unha modernidade que plasmaron nunha capa que, aínda que a día de hoxe nos poda parecer o peor, era toda unha declaración de principios.

Carlos Varela



Entre os moitos filmes que se andan a proxectar estes días na Faculdade de Ciencias da Información da USC dentro da Mostra Audiovisual Viaxes na Lusofonía hai un documental verdadeiramente imprescindíbel: CCCV - Cine Club Carlos Varela. Dirixido en 2005 por Ramiro Ledo, recupera as gravacións en Super 8 do cronista da loita popular galega dos 70 Carlos Varela. Máis alá do interese e valor histórico das imaxes que conten, supón unha máis que merecida homenaxe que de seguro fará que non se esquenza o seu legado e memoria.

Abril 20, 2006

Minilosantos en 3D



Que cousa máis fea. Os que aínda non receban La Sexta pódeno ver aqui.

War on terror



Se os lobbies xudeus ianquis andan a pór na prensa americana anuncios a páxina completa coma estes -da semana pasada- é que o ataque a Irán por parte dos USA debe estar máis que decidido e planexado. Agora só lles resta meterlle o medo no corpo á xente para xustificar a invasión da terceira maior reserva mundial de petróleo e sumala á cuarta, que xa controlan e explotan. É o que ten ser, de longo, o maior consumidor de crú do mundo.

Abril 19, 2006

Festival do Norte



O deste ano si que promete. Ás xa confirmadas presenzas de Placebo e Nacho Vegas súmase o rock bailábel dos neoiorquinos Radio 4 e dos miñotos X-wife, como avanzan os sempre ben informados amigos de Desconcierto. Aínda restan grupos por anunciar pero a verdade é que o cartaz que se coñece até o de agora, incluidos os galegos MEU, 6PM e Manuel Seixas Neuroband, xa é para dar chimpos.

Xaponés tiña que ser

70% vs 30%



E falando do rapazolo, acaba de sair Final en Fisterra,o último tomo das súas autocompracentes memorias. Non é necesario dicer que hai aproximadamente 456.789 libros máis interesantes nos que invertir os 24 euros que custa, pero si cumpre lle recoñecer bastante coherencia coas súas teses dese sucedáneo da diglosia que ven ser o bilingüismo harmónico: está escrito nun 70% en castelán e nun 30% en galego.
Aínda lle hei botar unha ollada, non vaia ser que fose completamente coherente coa súa idea do lugar que debe ter o galego na sociedade e o libro estexa integramente escrito en perfecto castelán. Iso si, coas anécdotas, chascarrillos, brincadeiras e comentarios menores en galego.

Homenaxe ao demócrata-de-toda-la-vida (VI)



E bulindo imos continuar coa sentida homenaxe, que aínda restan bastantes páxinas por escanear e non vaia ser que fine antes de chegar ao último capítulo. Que estas cousas molan máis en vida.

Free Image Hosting at www.ImageShack.us Free Image Hosting at www.ImageShack.us Free Image Hosting at www.ImageShack.us Free Image Hosting at www.ImageShack.us Free Image Hosting at www.ImageShack.us Free Image Hosting at www.ImageShack.us

Abril 18, 2006

Pop en Galego



Aínda que non estaban todos os que son pero si eran todos os que estaban (The Homens, Lamatumbá, Fanny + Alexander e Dios ke te crew), a reportaxe de La Voz de Galicia do pasado venres foi testemuño deste novo rexurdimento que está a viver a nosa música pop(ular). A selección dos grupos é ben significativa da riqueza, variedade estilística e boa saúde que desfruta a música contemporánea en galego.
Nos 60 e 70, con unha producción inmensa -e na súa maior parte esquecida- derivada do suceso de Do Barro e o boom dos cantautores, predominaba a canción lixeira e de autor. Nos 80 a cousa decaeu, aínda que nos deixou o enorme legado dos Resentidos e aportacións de grupos coma Radio Océano e Callos Louriña. Nos 90 abrollaron de novo infindade de grupos que empregaronn o galego, principalmente dentro do movimento bravú e de bandas políticas de ska e punk.
E agora, no século XXI, coa democratización da creación, producción e distribución musical, semella que nos atopamos nun novo ponto de inflexión no que as cousas pintan moi ben para a nosa língua. O galego xa non está recluido para o seu uso exclusivo nun determinado estilo ou dentro dun determinado movimento, agora, por fin, xa é língua útil para calquera manifestación musical, como certifica o feito de que non paren de sair grupos que a empregan, xa fagan rock, funk, electrónica, trash, hip-hop ou pop.

E precisamente pop, power-pop para ser máis exactos, é o que fan The Homens, que acaban de editar o seu segundo traballo, #2, cun son moito máis pulido que no seu debut e baixo esa maravillosa licenza chamada Creative Commons. Así que xa podedes baixarvos os cinco temas da súa web e/ou mercar o CD que conten ademáis dous temas ao vivo e comezar a entoar os seus pegadizos pa-pa-pa-para-pa.

E para rematar co tema, un adianto: tamén en galego e pop vai ser a segunda referencia de A REGUEIFA PLATAFORMA trás o debut de Fanny + Alexander, que virá a luz probábelmente a vindeira semana. Nos próximos días máis detalles.