Junho 30, 2006

Facendo memoria (XXVI): Miro



Este venres lembramos a Miro Casabella, o membro de Voces Ceibes que tivo o privilexio de estrear a edición fonográfica da Nova Canción Galega. Como aínda segue en activo e na rede hai moitísima información sobre a súa obra, faremos a nosa aportación con un artigo escrito por Xesús Alonso Montero aparecido na revista Disco Express de 24 de Setembro de 1976 falando de Miro, Benedicto e Bibiano. Na mesma revista tamén aparecía na sección de cartas un poema titulado Voces Ceibes asinado por un tal Antonio P. Varela. Eran tempos curiosos, onde na mesma revista podía conviver o abrollo do punk e a canción de autor comprometida. Podedes ler o poema premendo aqui e ler o artigo premendo na imaxe de enbaixo:

Free Image Hosting at www.ImageShack.us

En canto á música, incorporamos ao Radioblog da Regueifa o noso tema favorito de Miro, Olla meu irmau, aparecido no EP Cantigas de Escarnho e de Mal Dizer de 1969 -na foto-, musicando un xenial poema de Celso Emilio Ferreiro asinado co alcume de Aristides Silveira.

Junho 29, 2006

Galiza 63 - Xapón 58



Xa foi triste que a TVG non emitira o debut da selección galega de basquet pero o dos escasos segundos que lle adicaron hoxe no telexornal fronte á ampla cobertura da importantísima nova de cabeceira dos desportes (a renuncia do Luis Aragonés) é de vergoña. Hai que ser un tremendo papán filomesetario para darlle máis importancia a unha carallada de fora que a un fito histórico do noso desporte. Así nos vai.

Machuco da semana



O domingo pasado o tal Vincent Jalo, ese animaliño, mesturou para o Extrarradio o mellor do hip-hop feminino galego co mellor do hip-hop feminino ianqui. E coma podedes ver no video de Youtube de enriba desta volta tamén hai imaxes. O audio tédelo aqui: As Garotas da Ribeira "Eu quero quererte" vs Missy Elliot "Get your freak on".

E xa de paso aproveitamos para reclamar que as Garotas graven un disco canto antes. A música galega agradecerallo.

Junho 28, 2006

#Galiza



O outro día googleando cheguei á web da canle #Galiza do IRC. Tremenda sopresa. Por unha banda fíxome bastante ilusión aparecer na lista dos primeiros usuarios. Por outra fiquei traumatizado, manda truco, xa van case dez anos do choio. Como pasa o tempo. Aínda existe esta canle? alguén daquela época entre os que estades lendo isto? é ben curioso como evoluiu a rede, a función que antes facía o chat do IRC agora a desenvolven os comentarios de blogs e fotologs. Moito ten mudado a cousa. A verdade é que é unha mágoa que non se conserven moitas das webs que fixeramos daquela, a desaparición do hosting gratuito de xoom.com -onde estaban moitas delas- foi bastante catastrófica nese sentido

E si, no fundo boto de menos o noxento pitido que facía o meu benquerido modem de 33,6 Kpbs ao conectarse...

Máis grupos galegos en Youtube



Desta volta Guezos actuando no Luar co tema que apresentaron a A polo ghit.

Todos con Isaac



Os aduaneiros -xeniais coma sempre- na loita contra o lado escuro.

Máis novidades na Plataforma



Dende A Mariña lucense chega o debut do trío HA6, seis temas en galego a cabalo entre o punk, o hardcore e o trash. Máis info e download do disco na Regueifa Plataforma.

"HA6 é un trio de Burela formado por Bernardo (guitarra e gorxa), Gabi (baixo e gorxa) e Ches (batería). Trás pasar por formacións coma Pé de Boi, Zurrumalla e Mala Oxtia xúntanse en 2003 asumindo o punk o hardcore e o trash coma denominadores comúns. As influencias? Mol, Napalm death, Slayer, Sepultura, Vader, Ratos de Porao, Obituary, Extreme Noise Terror, Fugazi, Cannibal corpse..."

Junho 27, 2006

O Leo en A polo ghit



En plan Lennon e aspirando coma mínimo a ser a perfomance punk do verán 2006.

Discipulos de Belle & Sebastian



Por razóns musicais e extramusicais os tamén escoceses Camera Obscura -que acaban de estrear novo disco- eran os máis obvios. Agora con Suburban Metronome, o debut dos madrileños Underwater Tea Party (con quen, por certo, compartiron semifinal do Proyecto Demo 2005 Fanny + Alexander) a cousa ponse máis reñida. Non hai máis que escoitar o primeiro single para comprobar o alongada que é a sombra dos de Stuart Murdoch. Que conste que nada teño en contra das imitacións, sobre todo se son de calidade. E o que fan os rapaces da foto abofé que o é.

Dobarrismo (XV)



Recuperamos a sección adicada a Andrés Do Barro coas partituras de Por non poder, A máis belida da vila, Amor, amor e Manuela. Premede aqui para baixarvos un ZIP coas catro partituras e poder emular ao noso benquerido ferrolán.

Samesugas en Youtube



Por fortuna cada día podemos ver a máis grupos galegos nesa sorte de TV diferida en que se está a converter Youtube. Unha gozada.

Junho 26, 2006

hanom ausse



Estreamos o debut de hanom ausse, d.r.i.m.i.n. EP, unha novísima proposta de post-rock chegada dende O Salnés. Máis info e download do disco na Regueifa Plataforma.

"hanom ausse é un proxecto punk, na acepción de faino ti mesmo, ao teu xeito. Non hai obxetivos nen búsqueda, só o pracer de xuntar pezas nun puzzle sen enmarcación: repetición, erro, aburrimento e desafinación. Como di a rapaza ao final de 'd.r.i.m.i.n.': one of those sleepy daydreams. As influencias? Hood , Piano Magic, Low, The Cure, Savoy Grand, DJ Shadow, Matt Elliott e un longo, longo etc... pero as influencias non sempre resultan evidentes, explícitas (de feito nunca deberan selo)"

Loretta Martin no Playa Club



Funk-rock en galego de alto octanaxe na festa do Extrarradio do sábado pasado. Un bon petisco até que saia o seu disco de debut.

Junho 23, 2006

Saca o Eisenstein que levas dentro



Esta web é ideal para sacar o Eisenstein que todos levamos dentro. Escolles as secuencias, póslles os subtítulos e montas todo. E se o teu non é o cinema clásico tamén teñen unha versión Bollywood e incluso unha de fútebol. Coa de fútebol o Andrés Montes levaba o Oscar ao mellor guión seguro.

Eu quero un



Xa llo vira usar ao Qbert no moi recomendábel documental Scratch mas non sabía que o tivesen fabricado. Unha mágoa que non o vendan. Podédelo ver en acción premendo aqui.

Junho 22, 2006

Machuco da semana



No Extrarradio do domingo pasado o tal Vincent Jalo, ese animaliño, decidiu actualizar o son dese hino friqui que é Galicia será Nación mesturándoo musical e conceptualmente con algo máis moderno, o Seven Nation Army dos White Stripes. O resultado, o sorprendente mash-up Galician Nation Army. Aqui o tedes: Edilberto Alonso "Galicia será Nación" vs. The White Stripes "Seven Nation Army".

Junho 21, 2006

Rimando en galego



Cando aínda non asimilaramos ese pedazo de album que é o debut dos ordenses Dios Ke Te Krew chegan os composteláns Malandromeda con un novidoso conceito de disco online, Os estranos sempre traen malas novas. Cada un dos once temas ten a súa propia ilustración e aínda que se poden descargar os mp3 -premendo no eject- está pensado coma un todo, de maneira que non se disocie música e imaxe. Polo de agora a nosa favorita é Táchovendomerda, co Hevi rimando por riba deses inquedantes toques de guitarra.

A Regueifa en e-music



No programa desta semana ademáis de soar algunhas das novidades editada pola Plataforma, o que escrebe, ese animaliño, tivo o pracer de entrar en antena e falar un bon anaco con Sak, conductor do programa. Tedes o podcast do programa aqui.

Somos unha potenzia



O monólogo final de Carlos Blanco, para os que quedaron durmidos con Pepiño Blanco.

Junho 20, 2006

A primeira gravación dun solista cantando en galego



Na Regueifa Plataforma temos o pracer e o privilexio de inaugurar a sección adicada á arqueoloxía musical galega coa restauración e edición da que posíbelmente sexa a primeira gravación da Historia dun solista cantando en galego. Nos anos 1910 e 1913 Saturnino M. Navarro gravou e publicou en Buenos Aires dous discos co selo Polyphon nos que se atopaban dúas pezas galegas: Alborada Gallega, unha composición de Pascual Veiga sobre un texto de Francisco María de la Iglesia e Os meus amores, unha composición de Xosé Baldomir sobre un texto de Salvador Golpe .

Aínda que a primeira gravación galega a realizara o Coro Aires d'a Terra na Coruña en 1904, o achádego destes dous discos, procedentes dun anticuario alemán que os trouxera de Uruguai, amosa que foi na diáspora arxentina apenas un lustro máis tarde onde por primeira vez un solista rexistrou a súa voz cantando en galego. Agora, case un século despois, as novas tecnoloxías nos permiten oferecervos restaurado e dixitalizado este fulcral documento sonoro da nosa historia musical e fonográfica. Máis info e descárrega dos temas na Plataforma.

Junho 19, 2006

New Hype on the Block



Xa está aqui a -enésima- salvación do rock da tempada, Razorlight. Non sexamos crueis, e que máis dá que o indie británico non pare de producir grupos dos que non nos lembraremos dentro de cinco anos se traen baixo o brazo pedazo de singles coma este? Está claro que ese riff e ese Are you gonna do it this time? do final non van sair das nosas cabezas en todo o verán. Así que menos snobismo e máis bailoteo.

Markinhos Drinkin no Luar



Subimos a Youtube o video da actuación no Luar desa promesa da nova canción de autor galega que é Markinhos Drinkin. Xa sabedes que concursa en A polo ghit co seu Iogur de fresa. Coma dirían os gurús de Pitchfork, Freak-folk en estado puro.

Junho 16, 2006

Facendo memoria (XXV): Semen Up



Esta semana recuperamos a única canción en galego que publicaron Semen Up, o grupo de Alberto Comesaña que será recordado por Lo estás haciendo muy bien coma máximo exponente do seu pornopop. Foi en 1989, xa ao final da súa carreira e como cara B deste experimento a medio camiño entre Technotronic e Hey pijo que era Princ-House. Coma sempre, podedes escoitar está versión en galego do seu Alí Babá no Radioblog da coluna da dereita.

e-music



No último programa de e-music, ademáis de dar cabida ás últimas novidades da Regueifa Plataforma, o amigo Sak agasallounos con músicas dalgúns dos nosos discos favoritos dos últimos meses, nomeadamente Electric President e Facto Delafé y las Flores Azules. Coma sempre, tedes o Podcast na web do programa.

Por certo que Facto Delafé teñen páxina web por fin, aínda que sexa en Myspace. E non vos perder o xenial videoclip do seu Mar el poder del mar. Un video que incita a lle pór de novo as rodiñas á bici. Botádelle un ollo e saberedes porqué.

Download this Song



MC Lars co tema que xa se está a converter no hino dos novos modelos de distribución e edición de contidos. Un auténtico manifesto a prol da democratización da cultura. E todo rimado sobre un sample do The Passenger de Iggy Pop. Aqui tedes a letra por cortesía do Opentrad:

É 2006, e o consumidor segue cabreado
Xa non aguanto máis así que estou facendo unha lista
Non intentes resistir o cambio de paradigma
Non se pode ignorar a revolución musical
¿18.98 dólares un CD de Iggy Pop?
¿E se o podo conseguir gratis da miña irmá?
Isto vai de facer marketing para Clive Davis, ¿verdade?
Se os fans se compran a camisola conseguen o MP3
A música era un produto, agora é un servizo.
Discográficas, majors, ¿por que queredes facernos dano?
Epic espétame, "Non nos roubes as cancións, Lars",
Mentres Sony vende as gravadoras que tostan os CD-Rs
Así que Warner, EMI, escoitádeme ben
Universal Music, actualízate o chip,
Demandan a nenos que se descargan os éxitos,
Cren que é algo razoable
Mentres saben que está mal.

Hey Mr. Record Man
Rímonos de tí
Levando a túa discográfica
Coma se fose 1992
Hey Mr. Record Man,
O teu sistema non pode competir
É o Novo Modelo de Artista
Transferencia de fichero completada
¡Descarga esta canción!
¡Descarga esta canción!
¡Descarga esta canción!

Xa sé que rimo rápido, pero a mensaxe está claro
Non necesitas un millón de dólares para lanzar unha carreira
Se o teu estilo é único e practicas o que predicas
Minor Threat e Jello Biafra teñen algo que ensinar
Teño produción G5, videos de concerto
Fago xiras co portátil, ante salas repletas
¿O contrato á antiga cunha compañía? Non ten sentido
¡Ser un siervo da gleba ten un custo inmenso!
Teñen o dedo no dique pero a grieta se expande
Non podes vender auga embotellada cando flúe libremente
As vendas de discos se esfuman, baixaron un 8 por cento,
Soben as vendas de descargas, non se poden impedir
A radio por satélite e os videojuegos
cambiaron a paisaxe, xa nada será igual
¿Sabiades que en dez anos non haberá discográficas?
¡Adeus DVDs, adeus Compact Disks!

Hey Mr. Record Man,
¿Que che criches?
Segues vivindo do teu catálogo
Do ano 1982
Hey Mr. Record Man,
O teu sistema non pode competir
É o Novo Modelo de Artista
Transferencia de ficheiro completada
¡Descarga esta canción!
¡Descarga esta canción!
¡Descarga esta canción!

Sabes, só queriamos un campo de xogo nivelado.
Cobráchesnos de máis durante anos, e agora
Só queremos atopar un equilibrio xusto, odio dicilo, pero...
Benvido ao futuro.

Hey Mr. Record Man
Rímosnos de tí
Levando a túa discográfica
Coma se fose 1992
Hey Mr. Record Man,
O teu sistema non pode competir
É o Novo Modelo de Artista
Transferencia de ficheiro completada
¡Descarga esta canción!
¡Descarga esta canción!
¡Descarga esta canción!

Junho 15, 2006

Machuco da semana



No Extrarradio do domingo pasado o tal Vincent Jalo, ese animaliño, puxo o novo -e xa vai polo cuarto- mash-up de ultra_marinho, o ouvinte máis creativo do programa. E por primeira vez un dos grupos machucados o colgou na súa propia web.

Junho 14, 2006

Fanny Mourente



Fanny+Alexander remesturando a Projecto Mourente. Projecto Mourente remesturando a Fanny+Alexander. Na Regueifa Plataforma pulicamos hoxe un curioso experimento de remestura cruzada que os alonxa dos seus estilos habituais facendo que os composteláns se lanzen ás pistas de baile e o mourentán se afeizoe aos sons guitarreiros. Aqui as tedes:

Até mexando



No Brasil si que gostan do futebol. Via Ads of the World.

Junho 13, 2006

Saudade dos Tindersticks?



Non, oh. O segundo disco en solitario do seu vocalista Stuart Staples demostra que a maxia dos Tindersticks abrollaba esencialmente dos seus poderes. Este encantador virollo ademáis de posuir unha das voces máis persoais da escea indiemorriñenta, a medio camiño entre Leonard Cohen e Tom Waits, está demostrando ser un compositor de altura. Non hai máis que escoitar o primeiro single de Leaving Songs, onde todas as composicións son súas. Podedes ver o video desa fermosísima That Leaving feeling, a dúo con Lhasa de Sela, premendo aqui.

Santiago Rouco



Ao bon de Edilberto Alonso saiulle un duro competidor na batalla polo trono de crooner friqui galego. No blog Vicisitud y Sordidez andan a reivindicar a Santiago Rouco, unha seria ameaza para o autor do Galicia será Nación, ofrecéndonos a súa música para descarregar, imaxes, a súa historia -e a do seu violento fillo- e até un video caseiro no que amosa os seus múltiples talentos musicais. A verdade é que o do sombreiro mariachi e o bigode estilo Monchito/Martinez Pujalte faino tomar moita vantaxe na batalla frente a Edilberto. Por suposto, non lle falta o tema patriótico de rigor, Miña nai, e, ao contrario que Edilberto, non renega de Leonardo Dantés, co que ten compartido micrófono máis dunha vez. Alea Jacta est, que gañe o mais friqui.

Junho 12, 2006

Somos unha potenzia



Todos os que nos laiabamos coa antiga TVG temos unha cita ineludíbel hoxe ás 23,30.

Autobus, bocadillo, gorra cutre e nostalxia



Exportando a fórmula que tan ben lles funcionaba no Supermartes. Especialmente eficaz coa terceira idade. Aínda que con familias numerosas tampouco vai mal. O que non sei é como fan para meter a trece persoas nun metro cadrado. Un verdadeiro miragre, desas cuestións de que a atea esquerda nunca entenderá.

Le Glamour Grotesque



Dende A Estrada chega á Regueifa Plataforma o EP Vinte e cinco de LE GLAMOUR GROTESQUE, un disco conceptual de electrónica de corta e pega no que a Revoluçao dos Cravos é a excusa sonora perfecta sobre a que construir o seu rico catálogo de paisaxes sonoras. Movéndose entre o trip-hop, o ambient, o abstract hip-hop e o drum n’ bass, o estradense sitúa o seu primeiro traballo na estela de artistas coma Boards of Canada, cLOUDDEAD, DJ Shadow ou Coldcut. Máis info e download do disco aqui.

Junho 10, 2006

A polo Ghit en Luar



Xurxo Souto, Belén Regueira e María Yañez apresentando o venres pasado o concurso no Luar coa actuación dun dos participantes, a Banda Potemkin. Vai ser dificil ser imparciais e non pedir o voto para os candidatos da casa. Co que gostamos dos caranguexos discotequeiros por estes lares.

Junho 09, 2006

Facendo memoria (XXIV): Mahia



Esta semana recuperamos máis pop en galego de principios dos 70. En 1972 este trío liderado polo irmáns Azcárraga editou baixo o nome de Mahía o seu único traballo, un single cos temas Non penses que vou e Todos me queren. Pop orquestrado e lenes harmonías vocais moi na liña, consciente ou non, dos seus contemporáneos Love. Coma sempre podedes escoitalos no Radioblog da coluna da dereita.

Junho 08, 2006

150 euros



Unha tolemia. A verdade é que case todo o material de Los Planetas en vinilo anda por eses prezos. E o peor de todo é que hai xente que o paga.

Democratizando a cultura



Trás un par de iniciativas completamente pioneiras por fin unha editora comercial se suma aos novos tempos coa edición de balde e en formato electrónico dun dos seus libros. Maravilloso. E sen que quite que simultáneamente o editen tamén en papel, unha acertada decisión. De seguro que moitos o queren ter e/ou ler físicamente. Parabéns a Rinoceronte Editora por asumir ese risco. De seguro que lles sae ben a aposta.

Machuco da semana



O domingo pasado no Extrarradio o tal Vincent Jalo, ese animaliño, voltou poñer en práctica o suxo costume do machuco-a-trois. Todo un vicioso. Aqui tedes este AC/DC "Back in Black" vs Suzanne Vega "Tom's Dinner" vs José Afonso "Grândola, Vila Morena".

Junho 07, 2006

Predicador maniaco



Radiohead non son os únicos que van ter dúbidas existenciais coa saída de disco en solitario da súa mente creativa. Manic Street Preachers tamén teñen un motivo para se preocupar coa saída de The Great Western -con ese título quedará ben a carón do The Great Eastern de The Delgados-, primeiro disco do seu frontman James Dean Bradfield. Podedes ir escoitando o single de adianto no seu Myspace.

LK



É ben curioso comprobar coma nos últimos dez anos se espallou o consumo do licor-café, pasando a ser a bebida de masas nacional con propiedades taumatúrxicas por excelencia. Ver ás novísimas xeracións tendoo coma icono cultural e bebéndoo en vaso de tubo -algo impensábel hai unha década- ben o certifica. Non é casual que se teña convertido nunha das referencias máis recorrentes da industria textil galega e que até haxan grupos que lle fagan cancións de amor.

Suspiros de Kaña reeditado



Na sección de reedicións da Plataforma, Vellas Músicas, recuperamos o clásico Suspiros de Kaña do xa mítico cantautor punk O leo i arremecághona!!!. Máis info e descárrega do disco aqui.

Junho 06, 2006

Podcasting GZ



Aos podcasts semanais do e-music de CuacFM súmanse agora os do programa de Rádio Kalimero Se descobres que a NASA che rouba os discos de cumbias via a súa web Música Pirateable en Galego. Tamén hai rumores dun novo programa de radio vencellado a Chuza! que se emitirá exclusivamente coma podcast. Sen esquencer os Ouveos na noite de Zimmer103. Chegará un ponto en que a Rede substitúa completamente ás ondas hertizanas?

Bunbury, Cuba, Nacho Vegas e Evo Morales



É incríbel que unha entrevista poda facer que un suxeito que era invisíbel aos ollos dun -e até desprezábel- dende hai case quince anos pase a ser obxecto de atenta observación. Premede na imaxe para poder lela. Tirada da Rockdelux deste mes.

Junho 05, 2006

Camiño á praia



Puzzles like you, o novo -xa quinto- disco de Mojave 3 é firme candidato a ser unha das mellores bandas sonoras para conducir até a praia este verán. Que lonxe fican os tempos de Slowdive. Aínda que sae dentro dun par de semanas xa o podedes atopar no voso P2P habitual.
E en xullo poderemolos ver ben perto. Iso, si, a todos menos a Rachel Goswell que parece ser que anda xorda e e bastante mal de saúde.

The Fuckiness



E falando de cancións do verán, a ver se no pequeno-imperio remata trunfando a versión cocha de Amo a Laura, Me peto a Laura, dos Fuckiness. A letra, unha animalada, é das que escandalizan ás avoas. Seguro que entre os adolescentes arrasa coma melodía de móvil.

A polo ghit



Tod@s a votar e a propor cancións. Morte ao Koala!

The Homens no Extrarradio



O trío de power-pop pasou pola Radio Galega este fin de semana. Aqui tedes a entrevista que lles fixeron Belén Regueira e Eduardo Herrero. E se andades por Compostela este xoves poderedes velos ao vivo no Rock en Costa xunto con The Lorchas, Bang 74 e os lusos D3Ö.

Xurxo Romaní



E na Plataforma viaxamos até Barcelona para traer Mandranugalla de Xurxo Romaní, un disco de zanfona contemporánea no que conflúe a música tradicional galega coa islámica, a medieval a até a electrónica. Máis info e downloads aqui.

"O disco Mandranugalla (mestura de dúas verbas, catalana e galega, que definen o arte da preguiza) combina zanfona contemporánea con todo tipo de instrumentos reais e sampleados, bebendo das fontes da música tradicional galega, da música islámica, e da música medieval. A zanfona vai acompañada nos nove temas por percusións reáis e sintéticas, e todo tipo de instrumentos. Feito aínda máis destacado nos dous temas remesturados por Fanny+Alexander que figuran coma bonus tracks, remesturas electrónicas que pretenden que o instrumento saia do mundo elitista da música folk e tradicional e chegue sen complexos ao gran público."

Junho 02, 2006

www.komunikando.net



Xa está aqui Komunikando. Unha desas iniciativas que tanto precisa a música galega. Benvind@s!

It is so Fucking Sunny



Esta semana facemos unha pausa na sección Facendo Memoria para sumarnos á conmemoración do XX aniversario do Galicia Canibal de Os Resentidos. Non fumos quen de atopar a versión en turco -que hai quen di que existe- pero si as versións en inglés e euscara:

Canibal Galicia (It is so Fucking Sunny) Ouvir / Descarregar

Galizia Kanibal (Kriston eguzkia dago)
Ouvir / Descarregar

Junho 01, 2006

GalegoZ en imaxes



Podedes ver un dos videoclips do Galician Chimpanzee premendo aqui.

Machuco da semana

u

E de novo o tal Vincent Jalo, ese animaliño, contou coa inestimábel colaboración de Ultra_Mariho no Extrarradio. O domingo pasado sonou este xenial Iggy Pop "Lust for life" vs Andrés Do Barro "Pois eu".