
O ska e o reggae teñen sido dos estilos que máis teñen callado na música contemporánea galega, sobre todo na cantada en galego. Nos últimos tres lustros bandas coma Xenreira, Skupe Skapa, Dandy Fever, Skarnio, Transilvanians ou mesmo Diplomáticos de Monte Alto teñen cultivado os ritmos xamaicanos con éxito, facendo que se convertira nun dos poucos estilos alén do folk -o único?- asociado case exclusivamente á língua galega. Pero... como chegaron eses ritmos a Galiza? Quen foi o primeiro no país en importalos?
Evidentemente a influenza do segundo revival skatalítico de bandas coma Specials, Selecter ou Madness tiveron moito que ver no asunto, igual non de xeito directo pero si coma influenzas á súa vez de determinados grupos de referencia desa xeración de bandas galegas, nomeadamente The Clash e Kortatu. O que eles non sabían é que moito antes, nos anos sesenta, xa houbera alguén que se lles adiantara.
Eses pioneiros foron o grupo galego co nome máis rematadamente feo da nosa historia, Los Españoles, unha banda que entre os moitos singles que editaron destaca este de 1968. O primeiro dos temas que contén é unha revisión en clave pop do megaclásico Unha noite na eira do trigo, con letra de Curros Enríquez e música do mestre Chané, facendo unha versión moi acelerada cun baixo e batería tan modernos que incluso a día de hoxe soa actual.
Pero o tema co que rompen esquemas foi a cara B, Morriña, unha xoia que comeza a ritmo de ska -rocksteady en realidade- e continua co contratempo e a sección de metais característica do estilo, unha peza que pode ser calificada coma o primeiro tema reggae galego da historia.
O que máis soprende de todo é que o fixeran nada menos que en 1968, contemporaneamente aos pioneiros xamaicanos e ingleses, xa que é precisamente o ano en que se acuñou a etiqueta reggae polo título dun tema de Toots & the Maytals.
Non sabemos con certeza de onde sacaron está influenza pero non resulta dificil imaxinalo. Daquela este tipo de grupos viaxaba moito e igual que Los Satélites trouxeron ritmos caribeños coma a salsa e o merengue nunha das súas viaxes a ultramar non sería estraño que Los españoles fixeran o mesmo trás algunha visita ao Caribe ou ás Illas Británicas.
Non podo rematar esta reivindicación sen mencionar unha conexión sorprendente: segundo fontes solventes un dos membros de Los Españoles, Arcadio Mon, é pai de Raúl Mon, o 50% de 6PM, un vínculo que traza unha liña imaxinaria apaixonante nos últimos coarenta anos de música pop galega.
Se tedes curiosidade por saber como soan estes dous temas non vos perder o ripeo deste 7" a mp3 que "alguén" subiu amábelmente a este sitio de descarga directa.