
Baixo o título de O DIAÑO E A MONA o zanfonista XURXO ROMANI edita o seu segundo disco no netlabel A Regueifa Plataforma, sete novos temas nos que a electrónica, a música tradicional e o jazz se dan cita co roce nas cinco cordas.
Coma sempre, máis info e descarga gratuita do disco en www.aregueifa.net
O nome xorde dunha frase tantas veces escoitada á miña avoa. Empregada para amosar admiración, perplexidade, estrañeza diante dalgo “moderno” e imprevisible. Nunca aclarado por qué empregaba aquela imaxe, aquela estraña parella, “¡¡O Diaño e a Mona!!”. Tempo despois souben por qué aquelas xentes de Lugo emparellaban de xeito inverosímil ó principe das tebras co primate de sexo feminino diante do asombro ou a confusión. No mencer do cine, a comezos do século XX, un dos primeiros aparellos que chegou a aquelas pequenas vilas de provincia foi un proxector de imaxes en movemento, un precursor do cine mudo, que amosaba a escena dunha persecución entre un diaño e unha mona. A admiración e perplexidade daquelas persoas humildes diante da engaiolante novidade da técnica foron a explicación da frase que perviviu ó longo dos anos nos nosos paisanos.
A toupada entre a zanfona e a música contemporánea busca o paralelismo con aquel choque de culturas que provocou o primeiro cinema na Galicia de fai cen anos. Nestes temas musicais, a zanfona electroacústica é empregada de xeito intencionado fora do seu contexto de instrumento medieval e popular, e en certos casos o seu son é manipulado con programas multiefectos. As fontes son, como é lóxico, a música tradicional, pero tamén o drum´n bass, o rock progresivo, o funk-jazz de finais dos anos 70 e a música electrónica fabricada con “loops”.
O emprego da zanfona deste xeito non é unha novidade. O camiño fóra xa trazado por mestres como Germán Diaz, Marc Egea, Matthias Loibner, Stephane Durand, Gilles Chabenat, César Fernández e o seu grupo “Bonovo”, e por suposto polo pai da zanfona moderna, o poliédrico músico Valentin Clastrier. Se o Cego de Mazaricos poidese escoitar estas músicas, ben certo que o primeiro que lle viría á boca sería “¡O diaño e a mona!”