Outubro 02, 2008

A DESCARGA GRATUITA CREA UNHA NOVA ESCENA MUSICAL


No semanario A NOSA TERRA da semana pasada saía unha interesante reportaxe de Mar Barros sobre a escena galega e o cada vez máis habitual costume das bandas de compartir gratuitamente a súa música. Tedes o texto a continuación ou en pdf premendo aqui.

A DESCARGA GRATUITA CREA UNHA NOVA ESCENA MUSICAL

Música emerxente, virtual e libre. É a nova corrente que se consolida grazas ao cambio nos hábitos de consumo e na propia dinámica do sector

M. Barros
Mentres que non chegarán a media ducia os traballos que as discográficas galegas lanzarán neste outono, a outra cara da música, a artellada ao redor da descarga gratuíta por internet medra sen límite. Cada vez son máis as bandas emerxentes que colgan os seus traballos na rede, nos seus myspace, blogs ou nos netlabels, como medio de distribución e promoción. E é que hai unha realidade obxectiva que cómpre ter en conta: o número de descargas supera as cifras de vendas de discos.
O dato achégao Noel Feáns, alma mater e responsábel de A Regueifa Plataforma, o netlabel (plataforma de exhibición e des¬carga de música galega de balde) máis visitado do país. No tempo que leva aberta a páxina, hai discos que superaron as 15.000 descargas. Extrapolando, se un disco de platino galego necesita 10.000 exemplares vendidos, virtualmente, a música galega estaría acadando cifras históricas.
Neste sentido, moitos músicos coinciden en sinalar que ao redor desta nova vía de distribución estase a artellar unha escena musical que se consolida. Ao ver de Rubén Coca, director de curtametraxes e membro da banda ferrolá Quant, “agora escoitase máis música dende un ordenador que dende un equipo convencional”. “Os hábitos de consumo cambiaron e iso repercute no xeito de difundir tamén”. Quant ten colgado na Regueifa Plataforma os seus traballos para descarga de balde porque “é a vía máis natural”. Neste momento o grupo está elaborando cancións para reunilas nun formato especial que sairá en febreiro do ano que vén, tamén de balde.
Como explican os membros dos Trasnos de Moscoso, a rede contribúe a ese cambio nos hábitos e na estratexia comercial porque “permite escoitar música que doutro xeito non sairía dun garaxe así como unha maior independencia das bandas con respecto das discográficas e das sociedades de autores”.
Para Brais, membro do Som de Galpom, a banda gañadora desta edición de Nsaio, “é inevitábel que a xente descargue porque é o modelo de consumo cara o que nos diriximos. Só existen dúas alternativas, ou loitar contra todo isto, que sería ir en contra da tendencia natural do mercado, ou tentar empregalo”.
“Hoxe en día a xente está dis-posta a pagar 20 euros por unha entrada dun concerto pero nin cinco por un disco” apunta Noel Feáns. “O compacto converteuse nun obxecto de promoción que se debería regalar máis do que se fai”. O creador da Regueifa Plataforma incide no cambio que se vén producindo nos últimos anos no eido da música. “Hai 30 anos” comenta “os directos eran a vía promocional e os discos o produto. Agora inverteuse esa dinámica de mercado. Chégase así ao punto inicial da música, no que se vive de tocar e non de royalties artificiais”.
En pouco tempo, colgar a música na rede para descarga pasou de ser unha opción puntual a ser unha das vías máis empregadas. Malia todo, como explica Harry, membro de Novedades Carmiña, necesítase un pouco de organización dentro desta escena emerxente. En Galiza existen pouca plataformas que aglutinen e sirvan de escaparate masivo das propostas que se xeran. Para o músico “o difícil é escoller que escoitar”.

O PESO DUNHA AUDIENCIA FIEL
En 2006 nacía A Regueifa Plataforma, da man de Noel Feáns como un netlabel sen ánimo de lucro dende o que os creadores poden difundir e distribuír a súa obra baixo licenza creative commons. Neste tempo colgáronse preto de cen traballos cun mínimo de 1.000 descargas nos tres primeiros meses (vender 2000 discos é case misión imposíbel incluso para bandas de renome).
O que afianzou o proxecto, segundo Feáns, é o feito de que “xa existe unha audiencia fixa, un público potencial perma¬nente atento a oferta da web”. Coma el, moitos son os músicos que pensan que no futuro da música terá moita importancia a descarga gratuíta. “Non sei cal será a fórmula para o futuro”, comenta Rubén Coca, “pero moitas bandas están apostando por isto, pasando de intermediarios. Ou hai unha reacción dos que levan a ‘industria musical’ ou o camiño é a liberdade”.

Seja o primeiro a comentar

A Regueifa Blog (CC) 2009

Alguns dereitos reservados