Outubro 14, 2008

NOUVELLE CUISINE De memoria (2008)


nouvelledemmemoria

NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)

O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura á que deixas o listón para vindeiros discos. Os herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.

Sen perder o seu xa característco estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes- percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...). O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película a verdade é que son de agradecer.

E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.


Via Sono-Tone

Seja o primeiro a comentar

A Regueifa Blog (CC) 2009

Alguns dereitos reservados