Outubro 24, 2008

Reportaxe e disco GZ POP!



Xa anda por ahi o número da revista catalá ENDERROCK no que sae unha reportaxe sobre a escena galega e como o prometido é debeda xa está escaneado. Podedelo ver/ler premendo aqui.

Sobre o disco que ven coa revista... pois resulta que algún amable animaliño pouco respeitoso cos dereitos de autor xa o pasou a mp3. Parece ser que o subiu aqui, pero non llo contar a ninguén.

Outubro 15, 2008

GRUPOH - Galitrónica EP (2008)



Dende terras lucenses chega o debut de GRUPOH, un EP de sete temas co que o dúo quere fundar un novo estilo, un novo xeito de facer música: a GALITRONICA. Nas súas palabras, "un album resultado dun profundo mergullo no folklore, onde todas as cancións estan baseadas en estruturas tradicionais, con letras extraidas da realidade cotiá do rural, de conversacions cos maiores e influídas pola sci-fi e a no wave americana". Ahi queda iso.

Coma sempre, máis info e descarga de balde do disco en www.aregueifa.net


Outubro 14, 2008

Entrevista a Hanom Ausse en Vieiros

Un dos músicos galegos máis esquivos dá por fin a cara, polo menos de palabra.


Entrevista a Hanom Ausse

"A miña música non decorre polas sendas peneiradas do pop: amo o pop"

Leva dez anos facendo música electrónica, unha sorte de "proxectos de escoita insufríbel". Agora sacou á rúa o seu primeiro traballo longo, Metembistte.

Clara Figueroa - 09:30 12/10/2008

Século XXI, novas tecnoloxías, deshumanización e música electrónica. Como non podería ser doutro xeito, a primeira entrevista de Hanom Ausse foi virtual. Este rapaz de Catoira, que non vén sendo un tal Hanom, de apelido Ausse, leva dez anos sacándolle acordes ao seu PC da man da intuición que lle outorga ser o seu primeiro oínte. HA traballa en progresión, e cada corte de Metembistte pode identificarse cun momento vital do seu protagonista. Este novo álbum "de dormitorio", que vén de sacar á rúa, non aspira a encaixar en estilo ningún, senón máis ben a se deixar levar polos acordes que saen da composición.

Vieiros: Como e cando nace o concepto Hanom Ausse en Catoira?
Hanom Ausse: Todo sae das posibilidades que ofrece un PC para a manipulación de sons. Levo armando proxectos de escoita insufríbel dende finais dos 90, sendo Hanom Ausse a última encarnación.

En que se basea a túa musica? Que influencias ten?
O recorta-e-pega e as miñas limitadas dotes como intérprete son a base de todo o que fago; se tivese unha orquestra de 50 músicos á miña disposición, usaría esa orquestra, probablemente da peor maneira. Todo é unha influencia, dende o jingle dun anuncio ao motor dunha motoserra, pasando polas miles de cancións que todos asimilamos con maior ou menor entusiasmo.

A que soa Hanom Ausse? A que pode parecerse?
Rock instrumental? Supoño que soa a calquera banda precedente que non decorrese polas sendas peneiradas do pop e as partituras de verso retrouso-verso retrouso-solo, ponte-retrouso-fade out. Dito isto, engado que adoro o pop.

A entrevista completa en Vieiros premendo aqui.

NOUVELLE CUISINE De memoria (2008)


nouvelledemmemoria

NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)

O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura á que deixas o listón para vindeiros discos. Os herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.

Sen perder o seu xa característco estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes- percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...). O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película a verdade é que son de agradecer.

E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.


Via Sono-Tone

Outubro 09, 2008

GZ POP!



No número de novembro da revista catalá ENDERROCK vai sair un amplo reportaxe sobre a nova escena galega. Xunto coa revista sempre ven un CD, desta volta monográfico da nosa escena, unha boa foto fixa do que se coce por estas terras. Coma sempre adoita acontecer cos compilatorios, 80 minutos non dan para moito e son todos os que están pero non están todos os que son. Asi que teñamos un exemplar en papel xa lle pegamos un escaneo.

Outubro 02, 2008

A DESCARGA GRATUITA CREA UNHA NOVA ESCENA MUSICAL


No semanario A NOSA TERRA da semana pasada saía unha interesante reportaxe de Mar Barros sobre a escena galega e o cada vez máis habitual costume das bandas de compartir gratuitamente a súa música. Tedes o texto a continuación ou en pdf premendo aqui.

A DESCARGA GRATUITA CREA UNHA NOVA ESCENA MUSICAL

Música emerxente, virtual e libre. É a nova corrente que se consolida grazas ao cambio nos hábitos de consumo e na propia dinámica do sector

M. Barros
Mentres que non chegarán a media ducia os traballos que as discográficas galegas lanzarán neste outono, a outra cara da música, a artellada ao redor da descarga gratuíta por internet medra sen límite. Cada vez son máis as bandas emerxentes que colgan os seus traballos na rede, nos seus myspace, blogs ou nos netlabels, como medio de distribución e promoción. E é que hai unha realidade obxectiva que cómpre ter en conta: o número de descargas supera as cifras de vendas de discos.
O dato achégao Noel Feáns, alma mater e responsábel de A Regueifa Plataforma, o netlabel (plataforma de exhibición e des¬carga de música galega de balde) máis visitado do país. No tempo que leva aberta a páxina, hai discos que superaron as 15.000 descargas. Extrapolando, se un disco de platino galego necesita 10.000 exemplares vendidos, virtualmente, a música galega estaría acadando cifras históricas.
Neste sentido, moitos músicos coinciden en sinalar que ao redor desta nova vía de distribución estase a artellar unha escena musical que se consolida. Ao ver de Rubén Coca, director de curtametraxes e membro da banda ferrolá Quant, “agora escoitase máis música dende un ordenador que dende un equipo convencional”. “Os hábitos de consumo cambiaron e iso repercute no xeito de difundir tamén”. Quant ten colgado na Regueifa Plataforma os seus traballos para descarga de balde porque “é a vía máis natural”. Neste momento o grupo está elaborando cancións para reunilas nun formato especial que sairá en febreiro do ano que vén, tamén de balde.
Como explican os membros dos Trasnos de Moscoso, a rede contribúe a ese cambio nos hábitos e na estratexia comercial porque “permite escoitar música que doutro xeito non sairía dun garaxe así como unha maior independencia das bandas con respecto das discográficas e das sociedades de autores”.
Para Brais, membro do Som de Galpom, a banda gañadora desta edición de Nsaio, “é inevitábel que a xente descargue porque é o modelo de consumo cara o que nos diriximos. Só existen dúas alternativas, ou loitar contra todo isto, que sería ir en contra da tendencia natural do mercado, ou tentar empregalo”.
“Hoxe en día a xente está dis-posta a pagar 20 euros por unha entrada dun concerto pero nin cinco por un disco” apunta Noel Feáns. “O compacto converteuse nun obxecto de promoción que se debería regalar máis do que se fai”. O creador da Regueifa Plataforma incide no cambio que se vén producindo nos últimos anos no eido da música. “Hai 30 anos” comenta “os directos eran a vía promocional e os discos o produto. Agora inverteuse esa dinámica de mercado. Chégase así ao punto inicial da música, no que se vive de tocar e non de royalties artificiais”.
En pouco tempo, colgar a música na rede para descarga pasou de ser unha opción puntual a ser unha das vías máis empregadas. Malia todo, como explica Harry, membro de Novedades Carmiña, necesítase un pouco de organización dentro desta escena emerxente. En Galiza existen pouca plataformas que aglutinen e sirvan de escaparate masivo das propostas que se xeran. Para o músico “o difícil é escoller que escoitar”.

O PESO DUNHA AUDIENCIA FIEL
En 2006 nacía A Regueifa Plataforma, da man de Noel Feáns como un netlabel sen ánimo de lucro dende o que os creadores poden difundir e distribuír a súa obra baixo licenza creative commons. Neste tempo colgáronse preto de cen traballos cun mínimo de 1.000 descargas nos tres primeiros meses (vender 2000 discos é case misión imposíbel incluso para bandas de renome).
O que afianzou o proxecto, segundo Feáns, é o feito de que “xa existe unha audiencia fixa, un público potencial perma¬nente atento a oferta da web”. Coma el, moitos son os músicos que pensan que no futuro da música terá moita importancia a descarga gratuíta. “Non sei cal será a fórmula para o futuro”, comenta Rubén Coca, “pero moitas bandas están apostando por isto, pasando de intermediarios. Ou hai unha reacción dos que levan a ‘industria musical’ ou o camiño é a liberdade”.

A Regueifa Blog (CC) 2009

Alguns dereitos reservados