Janeiro 30, 2009

Se nos segues dende Google Reader...


Aínda que o novo deseño web do netlabel está completamente limpo parece ser que quedan restos do ataque de malware que sofrimos en decembro no caché que garda Google. Por iso, até que Google refresque o seu caché de www.aregueifa.net, recomendámosvos non acceder á web dende o Google Reader nen dende Google Bookmarks xa que os dous redireccionan ao sitio ruso de malware, o segundo directamente e o primeiro ao pinchar en calquera arquivo de descarga.

Até entón mellor entrar directamente na web, xa sexa a traves de www.aregueifa.net ou http://aregueifanetlabel.blogspot.com.

Janeiro 29, 2009

LABAZADA - Labazada (2009)

Os composteláns LABAZADA levan xuntos dende 2006. No ano 2007 editaron a súa primeira demo, Mákina Infernal, gravada nos estudos da Radio Galega. Agora estrean no netlabel o seu novo traballo, cinco temas gravados e masterizados en Mafia Records, onde mesturan punk, hardcore e metal cantando en galego. O disco tamén está editado físicamente e pódese mercar tanto nalgúns locais de Compostela (Bar-Tolo, Fraguel Rock e May Day) coma pedilo directamente ao grupo por email.

Coma sempre máis info e descarga de balde do disco en www.aregueifa.net

Janeiro 27, 2009

THE - Legs EP (2009)



THE son un trío herculino de post-punk con grandes querencias polo noise que soan -nas súas propias palabras- como a Velvet Underground tocando cancións de Joy Division versionadas por The Screamers e os guitarristas de Sonic Youth. Ahi queda iso.

O seu primeiro EP, Legs, xa se pode descargar en www.aregueifa.net

Janeiro 14, 2009

Novo single e videoclip de Fanny + Alexander



Fanny + Alexander van quentando motores de cara á saída do seu novo disco -Alfaias (A Regueifa Discos, 2009)- en primavera. A canción escollida coma single de adianto, Setecentos, cunha letra/poema escrita especialmente para eles por Mario Regueira, xa se pode escoitar no seu Myspace e ver o videoclip -coma sempre, realizado polo propio grupo- en Youtube.

Janeiro 13, 2009

PROJECTO ['TREPIA] - Projecto ['trepia] (2009)


PROJECTO ['TREPIA], primeiros clasificados no certame GZcrea 2008 en música e segundos en videocreación, veñen de editar o seu primeiro traballo no netlabel A Regueifa. Os do Morrazo son un colectivo multidisciplinar artellado arredor do que eles denominan "os tres pés" -o son, a imaxe e a danza- combinando no musical a música tradicional galega -froito en grande parte de recolleitas de campo propias- cos novos sons que proporciona a electrónica cunha atitude decididamente vangardista, levando ao século XXI cantos tradicionais, pandeiretas, pandeiros, sachos, caixas de pementón e zanfoñas ao mesturalos con unha base rítmica de batería electrónica, samples e baixo eléctrico.

Coma sempre, máis info e descarga de balde do disco en www.aregueifa.net

Janeiro 07, 2009

Xa de volta e funcionando ao 100%

Finalmente o ataque de malware que recebeu a web este Nadal foi máis serio do que parecía e tivemos que refacer a web dende cero. Nada grave máis alá do traballiño que levou refacela.

Agora a web en si pasa a estar hospedada en Blogger polo que as posiblidades dun novo ataque redúcense considerablemente, penetrar nos servidores de Google non debe ser doado. Ademais todos os arquivos -os máis de 10 Gb de mp3, videos e pdfs editados nestes case tres anos de vida- seguen a estar no mesmo servidor de sempre -Dreamhost, o único que nos pode ofertar un ancho de banda que soporte os máis de 50 Gb de arquivos que se descargan ao mes no Netlabel por un prezo asequible- polo que todos os que teñan links directos van seguir funcionando.

Queremos agradecer todas as mostras de apoio e consellos técnicos recibidos estes días, sen o apoio da parroquia nada disto sería posible. Mil grazas a tod@s.

Comecemos logo este 2009, un ano que se aviciña carregado de novidades por parte desa fonte inagotable de creatividade que ven ser a nosa cultura. O vindeiro luns chegará a primeira do ano, o debut de Projecto [trepia], gañadores do certame GZcrea deste ano.

A Regueifa Blog (CC) 2009

Alguns dereitos reservados