Fevereiro 26, 2009

YOPLAY - Killmymother (2009)



Se The Blows son os Strokes galaicos e Catpeople os Interpol vigueses, os novísimos YOPLAY son sen dúbida a versión patria dos Franz Ferdinand máis intesos e escuros, e pola súa xuventude e impresionante directo un nome a ter moi en conta na nova escena indie galega. O seu primeiro EP, Killmymother, xa se pode descargar de balde no netlabel www.aregueifa.net.

Fevereiro 17, 2009

O MANDRIL NAS ONDAS - Antoloxia e-music (2009)


Chega un novo libro electrónico ao netlabel, desta volta unha escolma dos "esgarros" que botou o Mandril AKA Zimmer103 no seu paso polo programa de radio E-music de Cuac FM. Coma sempre, pódese descargar de balde en www.aregueifa.net. E nada mellor que botar un ollo ao limiar do libro para poñer en contexto ao autor e a súa obra:

"O universo Zimmer103, coma o universo que coñecemos, naceu a
partir do big bang; un estourido que ainda hoxe se fai notar nas
recepcións de ondas hertzianas coma tamén o fixo e o fai o mandril
nas ondas. Ainda con todo o investigado polas máximas autoridades
científicas, ninguén é quen de saber o que pasou antes dun par de
microsegundos no grande estourido; do mesmo xeito na creación do
universo Zimmer103 non podemos saber que pasou no segundo 0,
mais si podemos ofrecer información inmediatamente posterior para
que cada quen saque as súas conclusións sobre o que aconteceu no
inicio dos tempos mandrílicos. A escolma de textos que ides ter entre
os dous emisferios cerebrais é unha escolla que vos ofrecerá unha
perspectiva ampla sobre os comezos universais de Zimmer103, un
fenómeno indescriptíbel, inconfundíbel e sobre todo imperdíbel.
miña primeira experiencia "Zimmer103" foi nun cuarto escuro e con
banda sonora de Telémaco, semellante preludio so podería levarme á
depencia absoluta dos regos escritos e cada un dos polimorfismos
mandrílicos e á involucración nalgúnha das loitas sen cuartel que se
preparaban dende a non redacción. A loita contra unha banda sonora
establecida foi e segue sendo a grande guerra, e Grozni a grande
trincheira onde saían obuses sonoros cara o desaparecido cuadrilátero
radiofónico chamado e-music; obuses que deixaron profundos buratos
nas conciencias dos desalienados ointes. A poucos anos luz, a galaxia
de Ouveos na noite tornouse no emblema para a emerxente
comunidade podcasteira e demostrou que para non viver no deserto
dos non adoecidos, temos que abonarnos! Coma bon universo que se
precie, Zimmer103 continúa en expansión infinita creando novos
espazos, a última grande obra foi unha supernova chamada Hattrick
que fixo retemblar todas as constelacións e mesmo o planeta terra, que
viu máis próximo o seu irrevocabel destino: a neiorquina estatua do
imperialismo baixo toneladas de terra e o mundo dominado por
mandrís adoecidos no chamado Planeta dos Mandrís."

Fevereiro 11, 2009

O comezo dunha nova era para a cultura



Interesantísimo artigo aparecido hoxe no xornal Público. De lectura obrigada.

A música libre escapa da SGAE

Unha sentencia establece que a entidade non pode cobrar por cancións 'copyleft'

¿Por que un establecemento debe pagar un canon á SGAE pola totalidade da música que reproduce no seu local se só o 14% da mesma correspóndese a autores representados por esta entidade? Daniela Valdés, propietaria do bar Espiral Pop , en Madrid, fai tempo que tenta non utilizar música cuxos dereitos de autor son xestionados pola SGAE. Mentres utiliza cancións con licenza copyleft contribúe ao coñecemento público duns artistas que non adoitan escoitarse nos medios tradicionais. Á vez, como impón a lóxica, non está obrigada a abonar a cota correspondente á SGAE pola comunicación pública das obras musicais dos seus socios.

Desde a semana pasada, ademais da lóxica, Valdés ten unha sentenza que contempla e establece o criterio de prorrata, é dicir, que o propietario do local só debe abonar á SGAE por emitir a música dos socios desta entidade, e non pola totalidade da mesma. Na demanda, que se remonta a xullo de 2007, a SGAE só puido certificar que 14 dos 81 autores cuxa música emitiuse en Espiral Pop eran socios da súa entidade ou de organismos aos que representaba. Máis aló das cantidades demandadas, a importancia da sentenza estriba en que, pese a que pode apelarse, trátase da primeira sentenza que contempla os supostos dunha sala que emite unha mestura de cancións copyleft e copyright.

A SGAE non estivo obrigada a demostrar tradicionalmente que representaba aos autores. Para iso, utilizábase o concepto de lexitimación colectiva, aquel que supón que esta entidade representa á inmensa maioría dos autores. No entanto, a proliferación de Internet levou a miles de grupos a lanzar as súas cancións baixo unha licenza copyleft que establece, entre outros supostos, a libre distribución ou reprodución dos temas.

"Durante moitos anos o habitual foi supoñer que todos os artistas acollíanse ao paraugas da SGAE cando agora esta situación cambiou", afirma o avogado defensor de Valdés, Javier De La Cueva, que tamén puntualiza que os autores socios da SGAE teñen un contrato que lles impide lanzar as súas obras baixo licenza copyleft.

De La Cueva, especializado en novas tecnoloxías, sostén que, co fundamento desta sentenza, ábrense novos posibilidades para as salas que queiran ofertar música copyleft un ou varios días por semana. "Obsérvase o caso de establecementos que só emiten obras suxeitas a copyright os fins de semana", especifica. Neste sentido, De La Cueva engade a importancia da evolución da xudicatura con sentenzas deste tipo: "Empezan a ser conscientes de que as obras copyleft non son un asunto minoritario", engade.

Fevereiro 04, 2009

Problemas co malware solucionados!

Parece ser que por fin conseguimos limpar a web do código malicioso que deixaran os hacker rusos no ataque que sofremos este Nadal e xa se pode acceder con seguridade a www.aregueifa.net, tamén dende Google Reader e Google Bookmarks. Xa poden ir inventando os amigos eslavos un novo xeito de hackearnos porque agora xa sabemos o que fixeron e sabemos como solucionalo. Estaremos alerta por se as moscas. Namentres, continuemos a desfrutar desa canteira inesgotábel de talento que é a cultura galega.

Fevereiro 03, 2009

XELIS DE TORO - Riofero (2009)


"O río marca unha dirección e abre unha viaxe. As personaxes de Riofero suben río arriba: fuxidas e búsquedas. Vidas fracasadas ou aventureiras, todo serve de alimento ao espírito voraz do río. Un Riofero de lendas e pantasmas. Un Riofero de humanos que tornan feras e vidas que esvaen ata converterse en sombras. Con Riofero, Xelís de Toro, lánzase na compaña dunha curiosa tropa de personaxes na búsqueda do crisol da literatura, a maxia, o secreto talismán."

Xa podedes descargar a colección de arquivos sonoros, cancións e lecturas que acompaña a nova novela de Xelis de Toro en www.aregueifa.net

A Regueifa Blog (CC) 2009

Alguns dereitos reservados