Maio 26, 2009

ATAQUE ESCAMPE - A grande evasión (2009)



Xa está aqui A grande evasión, o novo disco longo de Ataque Escampe. En nada menos que dezanove novas temas os inventores do rock de serie B enfían de novo o vieiro do rock acústico, o postfolk e a Americana, co musical servindo de alibi ás que posiblemente sexan as mellores letras da nova escena galega.

Coma sempre, máis info e descarga de balde do disco en www.aregueifa.net

ATAQUE ESCAMPE - A grande evasión
Porque existe o mundo e pode ser de todas... Despois de Galicia es una mierda, Ataque Escampe emprende, neste seu segundo disco, a aventura de construír unha epopea: fuxir da prisión para regresar novamente a ela. Teñan o valor de deixarse levar e acompañar ao grupo nesta longa singradura polas melodías da evasión. De certo que acadarán os lugares máis xélidos e afastados, coñecerán as especies imposíbeis e verán solpores que nunca existirán. E perdan coidado polo seu posto de traballo estábel e remunerado, alí onde irán non o han necesitar. Leven, iso si, unha grande mala, pois estas historias son coma souvenirs: pequenas e baratas na súa extensión, mais enormes ao nos transportaren ao lugar máis inseguro, capitais a arder de ruído, continentes especiais, espaciais. E lembre, o seu camarote está nas orellas, pécheas se non quere que lle rouben algún obxecto valioso Ladies and gentlemen, tomen asento, pechen os ollos e vaian quentando os pés. Come fly with us. A aventura pode comezar.


Maio 19, 2009

INES LISTE - Teria que drogarme (2009)



Besbe sae do armario literario para publicar baixo o seu nome real -Inés Liste- o poemario Teria que drogarme, a sua segunda obra tras 28.

Coma sempre, máis info e descarga do libro en www.aregueifa.net

Maio 15, 2009

Ali estaremos



A Regueifa Plataforma naceu como unha plataforma de difusión e visibilización da nosa cultura, tentando darlle un espazo propio na inmensidade do ciberespazo global. A defensa da simple existencia da nosa cultura é o noso motivo de ser e un dos bens máis prezados da cultura galega é precisamente a nosa lingua propia, o galego. Por iso imos estar este domingo en Compostela, porque de nengunha maneira podemos consentir que ninguén instaure o apartheid e o segregacionismo nas escolas nen, por acción ou omisión, provoque a extinción definitiva do galego.

Maio 04, 2009

FANNY + ALEXANDER - Alfaias (2009)


Os composteláns Fanny + Alexander están de volta co seu terceiro disco, Alfaias, de novo editado baixo licenza Creative Commons tanto en formato físico a traves de A Regueifa Discos coma en formato mp3 no netlabel A Regueifa Plataforma. Ao longo de once novos temas o duo percorre as distintas aristas do poliédrico Pop contemporáneo, indo dende o pop indietrónico de temas coma Setecentos e Espida de credo até o pop acústico e canónico de músicas coma Tardes de domingo e Na febre dos incendios, sen renunciar nunca á atitude experimentadora e permanente vontade de penetrar en estilos aínda inéditos na nosa lingua, coa firme vocación de levar o pop galego aos sons do século XXI.
Continuando coa liña dos seus dous primeiros traballos, as letras de todos os temas son adapatacións de textos de autores galegos da súa xeración (Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras, Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán), contando ademais coa colaboración das voces de Carlos Valcárcel de Projecto Mourente en Artefacto Burbur, Martin Wu de The Homens en Toda esa enerxia escura, Alex Charlón de Ataque Escampe en Vigo ou Berlin e o hammond de Banin de Los Planetas en Tardes de domingo.

Coma sempre, máis info e descarga de balde do disco en www.aregueifa.net

Coincidindo coa saída do disco estrean tamén novo videoclip, do tema Espida de credo, realizado polo propio grupo e sendo xa o segundo deste novo disco tras o correspondente ao single de adianto, Setecentos:


Maio 01, 2009

ESQUIOS - Eche o que hai! (2009)


Os estradenses ESQUIOS editan o seu terceiro disco, Eche o que hai, con once novos temas de punk-rock cantados en galego, disponíbel tanto en en formato físico en tendas coma en mp3 baixo licenza copyleft no Netlabel. Coma sempre máis info e descarga de balde do disco en www.aregueifa.net

A Regueifa Blog (CC) 2009

Alguns dereitos reservados